O Museo do Pobo Galego renderá homenaxe a Dorothé Schubarth

Rosario Álvarez, Concha Losada e Elisa Fernández (foto: Europa Press).
Palestras e música lembrarán á etnomusicóloga o vindeiro 12 de xuño nunha xornada especial.

O Museo do Pobo Galego acollerá o 12 de xuño unha xornada de homenaxe á etnomusicóloga Dorothé Schubarth, figura referente no estudo e recompilación da música popular da Galiza, que percorreu o país desde finais dos 70 para recoller este legado.

A xornada, organizada polo Museo, o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega da USC, contará cunha combinación de música, baile e palabra, tal e como avanzaron esta cuarta feira a presidenta do padroado do Museo, Concha Losada; a directora do Instituto da Lingua, Elisa Fernández; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Elisa Fernández destacou a colaboración con Antón Santamarina, que transcribiu 5.000 letras de coplas recollidas. Mentres, Rosario Álvarez avanzou que a xornada de homenaxe, ademais dunha invitación á festa e o baile, será tamén "toda unha homenaxe extensíbel a Antón Santamarina, xa que actuaron os dous cunha xenerosidade impresionante".

A xornada, aberta a toda a cidadanía, comezará ás 10 horas coa apertura institucional e seguirá coa actuación de Felisa Segade, acompañada por unha selección de música e fotos do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, recollidas por Dorothé Schubart.

A continuación haberá unha sesión titulada Notas biográficas: Lembranza de Dora e do seu traballo en Galicia, na que intervirán Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego; e Diego Rodríguez, responsábel de Patrimonio e Cultura da Fundación Barrié. Despois, dúas mesas redondas tratarán o Cancioneiro de maneira previa á actuación do conxunto Caamaño e Ameixeiras.

O programa continuará pola tarde coa mesa redonda sobre outros traballos de Schubart. Un intermedio audiovisual, con imaxes e voces, acompañada da música en directo precederá á actuación que rematará o evento a cargo do grupo Alicerce, que interpretará  na igrexa de Bonaval, unha peza clásica composta por Dorothé Schubarth.