A música celta xunta máis de 100.000 persoas en Ortigueira nun dos festivais máis masivos da historia

Actuación de Capercaille na edición do Festival de Ortigueira de 2024. (Foto: David Bermejo/Festival de Ortigueira).

O Festival de Ortigueira entra na súa última xornada. Após de varios días de actividades que xuntaron máis de 100.000 persoas na capital de Ortegal este domingo toca a despedida cos Carunchos como prato forte.

A edición de 2024 do Festival de Ortigueira tardará anos en esquecerse. As actividades destes días xuntaron na capital de Ortegal milleiros de persoas procedentes de diferentes partes da Galiza e de Europa nunha edición moi especial.

Os concertos non defraudaron. Un ano máis o sábado volveu ser o día grande do festival cun cartel de luxo que xuntou grupos como Uxía Lambona e a Banda Molona, Ailá, Capercaille, Dervish, NoGood Boyo e Aroze.

Un dos grupos máis agardados deste ano, Capercaille, non fallou. A banda escocesa meteuse no peto aos asistentes do festival como nas anteriores ocasións nas que tiña acudido a Ortigueira.

Capercaille, con 84.000 ouvintes mensuais de media en Spotify e unha carteira de 10 álbums de estudo, marcou a historia do cantar gaélico no ano 1992 coa publicación do seu primeiro disco, titulado A Prince Among Islands, que foi o primeiro en entrar na lista de singles do Reino Unido en lingua gaélico-escocesa.

A banda irlandesa Dervish foi outro dos grupos que recuncou este ano en Ortigueira. O conxunto, un dos máis recoñecidos, creativos e influentes da  música folclórica do seu país, presentou o seu novo proxecto onde revive os seus temas clásicos dándolle unha nova vida.

O grupo vigués Os Carunchos será a actuación estrela deste domingo. A banda, con trinta anos as súas costas, presenta a partir das 18 horas no Teatro da Beneficencia da localidade o seu último traballo.

Ortigueira xa está para outra

Ortigueira xa se prepara para o festival do vindeiro ano. Unha cita que se volverá a caracterizar polo seu carácter multicutural pero vinculado á música de raíz e multixeracional, que permite xuntar fillos e pais nunha cita de referencia para toda Galiza.