Música en Pontevedra para lembrar o Prestige

Sés
O sábado 17 de novembro, no Recinto Feiral de Pontevedra, terá lugar a festa-concerto coa que a Plataforma Nunca Máis e a Asociación pola Defensa da Ría lembran o atentado ecolóxico do Prestige e homenaxean aos voluntarios e voluntarias que contribuíron a vencer ao chapapote.

Ás 21 horas comezará no Recinto Feiral de Pontevedra a festa-concerto de homenaxe aos centos de voluntarios e voluntarias que se achegaron ás nosas praias despois de que o Prestige comezara a botar chapapote na nosa costa e tamén de lembranza do décimo aniversario da catástrofe. ¨Convocada pola Plataforma Nunca Máis e pola Asociación pola Defensa da Ría, a festa ten tamén como obxectivo a reivindicación de medidas para evitar que desastres deste tipo se repitan no noso mar.

Sés, Xurxo Souto e “Os tres trebóns”, “Ruxe-Ruxe” e “Trioliro” porán música aunha conmemoración na que haberá tamén postos de comida e bebida, coma nunha romaría.

A música para o aniversario do Prestige continuará o día 1 de decembro no “Dés-Concerto” Expansivo que está a organizar A Burla, conmemorando o primeiro que se organizara en 2003 e a primeira manifestación de Nunca Máis, a lembrada como “Marea da Dignidade”.