Música para proclamar o son 'brasilego'

Sérgio Tannus

Non hai fronteiras entre o Brasil e a Galiza.  O músico Sérgio Tannus publica Son brasilego, un traballo composto por cancións propias e onde conta coa colaboración duns corenta músic@s da lusofonía. Preséntase a cuarta feira, ás 20 horas, nas Crechas e o día 18 no Teatro Principal de Compostela. 

 

“Son brasilego, manga e pesexo. Son froito cento por cento dunha nova raza de xente”. Con estas palabras, o músico Sergio Tannus resume o seu novo disco, que se chamará, precisamente, Son brasilego. O título é toda unha declaración de intencións, un manifesto metafórico que conxuga o verbo ser ao ritmo dunha fusión de sensibilidades, de dous puntos de vista dunha mesma cultura separada e unida ao tempo por un eterno océano. “Son brasilego, manga e pexego”, canta Tannus nunha canción que lle regala o título ao álbum. “Son froito dunha nova raza de xente”, escóitase na melodía, co orgullo dun berro de confesión e a convicción da proclama. Tannus, desde o outro lado do Atlántico, é membro desa “nova raza” e o seu futuro disco, que ten previsto o seu lanzamento para finais de outubro, convértese na resposta do músico á hospitalidade que atopou neste recanto do mundo. “En certo xeito é pechar un ciclo dos seis anos que estiven en Galicia. Quero que sexa un agradecemento e unha ponte de unión”, explica Tannus, que insiste en que o disco non é seu, que é unha obra “colectiva”.

O álbum reúne ao redor de Tannus un batallón de músicos que tinguen de lusofonía cada pentagrama. Uxía, Emilio Rúa, Ugía Pedreira, Sonia Lebedinsky ou Xabier Díaz son algúns dos nomes galegos que prestan a súa voz nun disco que conta con máis de corenta colaboracións. Os seus compañeiros de trío, Serginho Sales e Paulo Silva, o fadista Carlos do Carmo e Aline Frazao, tamén participan nun álbum de vocación colectiva que resume, en certo xeito, un sentimento que agromou cunha serie de músicos procedentes da lusofonía que chegaron a Galiza para ficar e cun grupo de músicos galegos que compartiron todo con eles. A “raza nova”, brasilegos de aquí e de acolá.

Tannus é un exemplo claro deste colectivo procedente do Brasil. A súa transformación en brasilego remóntase a 2006, na cidade de Niterói. En abril daquel ano, celebrouse un encontro cultural e musical. Nese momento cruzaron os camiños do intérprete brasileiro e dunha comitiva galega en que se atopaban, entre outros Uxía, Luar na Lubre ou Fran Pérez Narf. Alí agromou unha amizade entre Tannus e os galegos ao tempo que espertaba o seu interese por un recanto de Europa chamado Galiza. Tras o verán, Sergio Tannus iniciou unha nova xira conxunta con Lilian França por Europa. Pararon por Compostela, nun concerto dobre no Teatro Principal en que compartiron escenario con Pepe Sendón, Marcos Teira ou Fran Pérez. “Foron eles os que me trouxeron a Galiza!”, admite con agradecemento. Chegou e xa foi quedando.

Neste disco común, os brasilegos de Galiza os brasilegos do Brasil únense nun exercicio de lusofonía colectivo no que cantan un feixe de cancións musicadas por Tannus. O disco está editado por Fol Música.