As músicas da Galiza e de Portugal encóntranse no MUMI

Alana é unha das bandas que intervirá nesta edición do MUMI.
O V Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal, o MUMI, preséntase de novo como un escaparate da música galegae portuguesa conxugando a súa dobre función de mercado para a industria e festival aberto ao público con propostas a pé de rúa. 

Conxugar a función dun festival aberto ao público coa dun mercado profesional para a industria musical, que, ademais, opere como plataforma de encontro entre as músicas da Galiza e de Portugal, tecendo redes profesionais que fortalezan o sector musical e onde se xeren sinerxías que repercutan a medio prazo na musica dos dous países. Eses son os obxectivos do MUMI (Músicas no Miño) que nesta fin de semana desenvolverá a súa quinta edición no marco da eurocidade Tui-Valença.

Artistas, programadores de institucións públicas e de festivais e salas privadas, editoras musicais e axencias das dúas beiras do Miño converxen na eurocidade durante catro días co propósito de tecer redes profesionais que vigoricen o sector musical e que atopen novas vías de intercambio e de comercialización das músicas dos dous países.

 No programa de showcases, as actuacións do lado galego irán a cargo de Alana, Amoebo, Os D’Abaixo, Quico Comesaña, Ruxe Ruxe e Su Garrido Pombo; mentres que da parte portuguesa serán Cardo-Roxo, Jhon Douglas, Miss Universo, Rogério Cardoso e Surma os que ofrezan os seus directos no MUMI. Todos os concertos estarán abertos ao público agás os de Su Garrido Pombo e Rogerio Cardoso Pires, que só realizarán pases para profesionais con acreditación.

O que sucede na Galiza é que temos uns medios públicos que non serven de apoio á música galega

En conversa con Nós Diario, Manuel Vicente, do equipo organizador do MUMI, declara que "para nós o importante é garantir a calidade das propostas que presentamos. Despois, o mercado é o que é, e decidirá o lonxe que pode chegar cada unha delas. En xeral, o perfil das bandas e solistas escollidas responde á de artistas emerxentes pero de calidade contrastada. Tanto pola parte galega como pola portuguesa, son proxectos que están tendo un desenvolvemento moi destacado".

Alana ou Miss Universo son dous exemplos de bandas que están tendo  repercusión malia a súa mocidade e que poderían estar presentes na banda oposta do Miño, mais a fronteira segue operando como unha barreira que non responde exactamente á sensibilidade do público potencial ao que se dirixe o encontro.

"Entre o Porto e A Coruña hai uns seis millóns de habitantes que forman un público obxectivo para un mercado cunha entidade respectábel. O que sucede na Galiza é que temos uns medios públicos que non serven de apoio á música galega. Nin na TVG nin na Radio Galega se escoita a música feita no país, así que moito menos a que se fai en Portugal", apunta Vicente.

Da parte portuguesa, non obstante, si que existen medios comprometidos coa súa música, "mais tampouco logramos meternos aí, se cadra porque aínda ninguén se preocupou de investigar nun panorama musical moi próximo xeográfica e lingüisticamente".

Manuel Vicente insiste en que carecemos dun espazo comunicativo que logre aglutinar os públicos das dúas beiras. "O Miño, ao longo da historia, transformouse nunha fronteira física e emocional, malia que a comunicación entre a xente dun e doutro lado é moi fluída. Se cadra, precísase un cambio xeracional para que as cousas se vexan doutra maneira".

Complicidades

O MUMI tamén está atento a crear complicidades que poidan propiciar a apertura de músicas galegas ao mercado internacional. Así, da colaboración que se iniciou na pasada edición coa Fira Mediterrània de Manresa, o MUMI recibirá a proposta da banda catalá El Pony Pisador. A súa vez, a Fira recibirá na súa próxima edición, en outubro, a proposta galega de Mondra, escollida entre as participantes na anterior edición do MUMI dentro da alianza entre estas dúas feiras.

Igualmente, a feira recibirá a visita dun grupo de artistas beneficiarias do programa de aceleración de proxectos musicais Sonemerxente, promovido pola Fundación Paideia Galiza e a Axencia Galega das Industrias Culturais como parte do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea. Os proxectos musicais que van participar dentro deste proxecto son French Riviera, Eris Mackenzie, Javier Lago, Abril, Candela Liste, Verter GZ, Filloas, Marián e Amoebo, todas as cales participarán nas actividades da sexta feira e o sábado como parte da súa formación, aprendendo as dinámicas de funcionamento dun mercado musical. Manterán reunións con axencias de management e booking e con programadores públicos (Concellos, teatros) e privados (festivais, salas), e asistirán aos faladoiros e aos showcases

Debate de ideas

O outro eixo do MUMI é o encontro e debate entre profesionais, que tende a xirar sobre os temas que preocupan ao sector, dentro dun mercado interior que aínda necesita dun esforzo para consolidarse: segundo o Observatorio da Cultura Galega, a música permanece lonxe de recuperar as cifras de público que tiña antes da pandemia.

"Para que os profesionais poidan intercambiar experiencias e coñecer cales son as tendencias do sector, dividimos os faladoiros, tematicamente, entre a sexta feira e o sábado. Nas sextas estarán máis dirixidos a programadores, con temas como a produción de ciclos musicais, as claves para a creación de públicos e de programacións estábeis máis alá dos macro festivais e as dinámicas e dificultades coas que traballan as salas de concertos; o sábado apelamos máis ao acompañamento de carreiras artísticas musicais, centrándonos nas formas de comunicar cultura na Galiza e en Portugal e nunha palestra sobre management musical".

O MUMI semella estar nun momento de madurez que pode crear un espazo para os profesionais implicados na industria musical poidan estabelecer lazos e redes que faciliten a consolidación de proxectos no mercado.

"O que sucede", matiza Manuel Vicente, "é que partimos con moita desvantaxe e, polo tanto, é relativamente fácil avanzar en canto entras nun mercado máis amplo que o galego. Pero o obxectivo final non é tanto colocar un determinado produto como visibilizar que existe unha base social moi ampla para a recepción da música que se fai na Galiza e en Portugal. É algo moi evidente, pero politicamente non se sabe aproveitar".