Músicas no Miño, mercado sen fronteiras
Artistas, axencias, programadores, directoras e directores de festivais, de auditorios e teatros, editoras de discos... A Galiza sumou no terceiro encontro de Músicas no Miño (MUMI 2022) case 150 inscricións profesionais á procura dun achegamento real ao propio sector mais tamén á industria portuguesa que "leva moitos anos traballando en todas as estéticas da música".
Quen fala é Manuel Roxo, membro de Culturactiva e coordinador do III Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal. O primeiro cadrou co inicio da pandemia e resultou un mercado frustrado que se activou, finalmente en 2021. Músicas no Miño naceu na raia, nun dos territorios transfronteirizos con maior mobilidade e número de intercambios comerciais.
"A Eurocidade Tui-Valença para nós é o espazo ideal, un destino accesíbel que apostou polo MUMI como primeiro proxecto en común, unha feira que ademais de atraer a profesionais da Galiza e Portugal tamén ofrece concertos e espazos abertos ao público".
A eurocidade, destaca, "abrazou" a iniciativa desde o primeiro momento coa vocación de proxectala a unha banda e outra do Miño, máis tamén de converter o MUMI en referencia internacional do que se ten que facer nos territorios transfronteirizos.
O MUMI arrancou a súa terceira edición con grandes expectativas de traballo, encontro e negocio entre os participantes. "Desde o momento en que programadores galegos veñen, admiran e contratan propostas portuguesas, e programadores portugueses se achegan e quedan abraiados coas propostas galegas e mais coa posibilidade de incorporalas ás súas programacións, esas expectativas comezan a facerse realidade".
Ao espectáculo inaugural de Xosé Lois Romero & Aliboria e Omiri sumáronse durante tres xornadas os showcases dunha vintena de bandas e artistas galegos e portugueses, tamén figuras locais emerxentes, de todos os estilos, que buscan figurar en carteis de festivais, programacións municipais e concertos previstos para 2023. "Isto funciona na medida en que os profesionais que se dan cita aquí sacan contidos para as súas programacións e tecen alianzas que fortalecen o noso mercado".
Lara Noriega, concelleira de Cultura de Viveiro regresou do MUMI cun par de contratacións de cara ao próximo verán. "Unha galega e outra portuguesa, resultado das sinerxías que xeran en feiras coma esta, que abre as portas a propostas moi diferentes das que estamos acostumadas e que demostra o poder transformador da cultura".
Tamén para atallar eivas comúns, advirte Roxo. "Falamos de financiamento público, do estatuto profesional, da relación entre axentes culturais e portavoces políticos, e descubrimos que son problemas comúns que igual merecen solucións colectivas".
Un espazo común
"Para min é unha aposta marabillosa, unha conta pendente na Galiza, que precisa imitar dentro do territorio espazos de encontro coma este", conclúe Noriega, quen chama a unha maior profesionalización do sector.
Tamén Roxo apunta nesta dirección: "Temos que empezar a vernos fronte a fronte e a buscar espazos de unión. Somos un sector moi atomizado que pelexa contra o mundo para poñelo de cara. Na medida en que nos xuntemos teremos unha voz pública e un poder diferente á hora de proxectarnos e atopar mercados estratéxicos, como o é, por suposto, o portugués".