Músicos galegos gravan 'L'estaca' en solidariedade con Catalunya

Alonso Caxade, co acordeón, impulsor da versión colectiva de 'L'estaca'. Foto: cedida

Máis de seiscentos músicos galegos apoian un manifesto, difundido a través das redes sociais, que chama a defender "o dereito a convocar unha consulta democrática para decidir sobre a autodeterminación dun pobo". Deles, unha boa parte participan no rexistro dunha versión de L'estaca que verá a luz antes do sábado.

"L'estaca é, nestes intres, o Grândola do pobo catalán", expón Alonso Caxade, líder de Caxade e impulsor da iniciativa. Varios artistas xuntáronse o pasado domingo para gravar a base musical da célebre canción de Lluis Llach -arestora deputado de Junts pel Sí. "Estivemos os músicos que puidemos", relata, "movidos máis que nada pola urxencia". Manu Paino, Manu Espiño, Xosé Tuñas e o propio Alonso, de Caxade; Lois Carlín, de Ataque Escampe; Xoán Casas ou Sonia Lebedinsky, foron, baixo os mandos de Marcos Paino, os intérpretes.

 

"Falta a parte coral, que se gravará nos estudios A Ponte de Compostela con moitas máis persoas", conta. Será ese tamén o escenario do videoclip que, a cargo do colectivo GzMúsica, completará o proxecto. Non hai moitos días que un grupo de músicos vascos penduraban na Rede a súa lectura do clásico antifranquista de Llach, convertido nas últimas semanas en símbolo dos defensores do 1-O.