Nace un festival ao que se poden levar peluches

Boabab Teatro

Para bebés. Ese é o público do Festival das Nubes, “Núbebes”, que a fins de mes pon a andar o Concello de Pontevedra, coordinado por Andrea Bayer. Música,a teatro e obradoiros para crianzas nun festival feito a súa medida. 

A programación infantil de Pontevedra, con citas fixas como o Salón do Libro ou Domingos no Principal, acrecéntase agora con “Núbebes”, o primeiro festival galego destinado ás crianzas máis cativas e tamén para todas as persoas que fagan de acompañantes. Teatro, contos, música, danza, acompañamento emocional ou obradoiros -tamén para profesionais- compoñen o programa que botará a andar a finais de mes. O Teatro Principal, Casazul e Casa das Campás son os escenarios deste encontro para o que todas as actividades son de balde. 

Como “Festival de artes escénicas para bebés e familia” defínese este “Núbebes” no que participarán, entre outros, Caramuxo Teatro, Celso Sanmartín, Marcelo Dobode e Mónica de Nut, Pavís Pavós, ETL Paspallás, Arte Estudo, Teatro Paraíso, Patricia Canabel, Boabab Teatro ou Golfiños e que dará comezo o próximo sábado día 21. 

“Contos Orais”, con Celso Sanmartín, “Acompañamento emocional aos nenos/as” con Patricia Canabal ou “Desenvolvemento infantil e psicomotricidade” con Marta Lloves” son os tres obradoiros ofertados para os que compre anotarse previamente a través do correo contacto@boababteatro.com.