A programación infantil de Pontevedra, con citas fixas como o Salón do Libro ou Domingos no Principal, acrecéntase agora con “Núbebes”, o primeiro festival galego destinado ás crianzas máis cativas e tamén para todas as persoas que fagan de acompañantes. Teatro, contos, música, danza, acompañamento emocional ou obradoiros -tamén para profesionais- compoñen o programa que botará a andar a finais de mes. O Teatro Principal, Casazul e Casa das Campás son os escenarios deste encontro para o que todas as actividades son de balde.
Como “Festival de artes escénicas para bebés e familia” defínese este “Núbebes” no que participarán, entre outros, Caramuxo Teatro, Celso Sanmartín, Marcelo Dobode e Mónica de Nut, Pavís Pavós, ETL Paspallás, Arte Estudo, Teatro Paraíso, Patricia Canabel, Boabab Teatro ou Golfiños e que dará comezo o próximo sábado día 21.
“Contos Orais”, con Celso Sanmartín, “Acompañamento emocional aos nenos/as” con Patricia Canabal ou “Desenvolvemento infantil e psicomotricidade” con Marta Lloves” son os tres obradoiros ofertados para os que compre anotarse previamente a través do correo [email protected].