XOSÉ CONSTENLA, CANTAUTOR

“Non somos quen de coidar os nosos creadores”

Xosé Constenla

O cantautor compostelán presenta este sábado no Salón Teatro (Santiago) o seu novo disco, ‘Virada por avante’, con toda a banda ao completo nun escenario que arrecenderá a mar e introducirá imaxes de Urbano Lugrís.

–    'Virada por avante' parece o teu disco máis redondo, máis maduro...
–    Si, tanto desde o punto de vista técnico, onde traballei cun profesional que ten unha traxectoria importante, como Fredi Marugán, como a nivel artístico, creo que o resultado que presento eu non diría que máis maduro, porque non quero perder ese matiz da ollada do infante, do neno, pero si que con máis distancia, con máis tempo, menos imprudente, se cadra. 

–    Segue patente a influencia dos cantautores latinoamericanos, pero esta vez ábreste tamén a outras sonoridades.
–    Pois si, o produtor comentábame que dalgunha maneira a tradición latinoamericana de cantautores formaba parte da miña xenética musical. Era complicado desprenderse dela, pero nos últimos tempos estiven escoitando outras músicas, abríndome a outras olladas, máis achegadas se cadra ao folk e ao rock americano e anglosaxón. E creo que se nota. Esa era un pouco a idea, abrirse a sons máis acústicos, a uns ritmos que non son tan melancólicos, que chaman un pouco máis á animosidade, á acción. 

–    Tal e como o contas a man de Fredi Marugán é moi potente no disco, e nótase tanto na gravación como no directo. É un gran guitarrista.
–    O que fixo Fredi coas miñas cancións nunca rematarei de agradecerllo, porque colocounas nun lugar que eu só imaxinaba pero que non podería facer sen el. É unha especie de alquimista da música, porque el é o artífice de todos os arranxos e ademais gravou todos os instrumentos do disco. É un traballo superartesanal. Ademais, teño o privilexio de que me acompañe en directo nalgunhas ocasións. E disfrutar e aprender del está a ser toda unha experiencia. 

Sería tremendamente irresponsable poñerse de canto coas cousas que están a acontecer

–    Imos coa mensaxe. Ademais de algúns temas intimistas, véseche vocación de dar testemuño das coitas da túa xeración. Emigración, corrupción...
–    Pois si, un cando fai cancións, creo que sería tremendamente irresponsable poñerse de canto coas cousas que están a acontecer, ou polo menos eu pénsoo así. Mesmo algunhas propostas musicais que din non ser comprometidas acaban séndoo, pero á inversa. E no meu caso, cando fago cancións, eu son permeable ao que está a acontecer na sociedade e intento denuncialo. Coas cancións non se poden cambiar grandes cousas, pero si que pode ser unha mensaxe de empatía, de poñerte no lugar do que está sufrindo, e dalgunha maneira que lle chegue a solidariedade feita poesía ou feita música. Esa é un pouco a vocación. 

–    No concerto do sábado vas coa banda ao completo. É todo un luxo nestes tempos convulsos, tamén para a música. 
–    Pois si, a verdade é que non vai ser o habitual, agás que as condicións materiais se dean, o que pasa é que cando un se dedica a un oficio como este, impera o entusiasmo e a insistencia. E claro, sacar un disco e non sacalo relucinte da fábrica digamos que quedas a medias. Por iso para este concerto, e espero que para algún outro, saír cunha banda potente é un agasallo que lle quero facer á xente que me vén escoitar. E non vai ser só banda, senón que será un espectáculo de escenografía, de atrezzo e tamén de historias contadas.

–    Conta algo máis, ho.
–    A xente que se achegue ao Salón Teatro vai ter a posibilidade de observar desde unha atalaia a vida dun peirao mariñeira. Se cadra alí non arriban buques trasatlánticos, pero si chega a frescura do mar a diario, dun mar que dalgunha maneira se resiste a ser aniquilado. É como facemos iso? Cunha serie de aparellos mariñeiros no palco, pero ademais a obra de Urbano Lugrís, co seu surrealismo e a súa fantasía, vai estar presente, xa que conseguimos a cesión da súa obra dixitalizada en alta resolución e cada unha das miñas cancións vai estar proxectada a obra de Lugrís. Por tanto, vai ter ese carácter atlántico e mariñeiro, esas historias de peirao van estar presentes. Esa é un pouco a sorpresa que temos preparada para os que se acheguen. 

‘Virada por avante” está feito “con máis distancia, con máis tempo, é menos imprudente”

–    O mar está moi presente na túa obra...
–    Si, para min o mar é un berce próspero ao que retorno cando as cousas veñen mal ou ben dadas, e para min a teatralización na música é fundamental. Non se trata de botar alí as cancións, senón darlles un contexto e neste caso o contexto de 'Virada por Avante', desa manobra mariñeira que se non a fas con coidado podes saír mancado, creo que é importante poñela en primeira persoa, subliñala. 

–    E, como navegante que es, como ves o estado do mar, referido ao mundo da música en Galiza?
–    O mar está sufrindo as consecuencias dunha sociedade que vive de costas a el. Aínda temos moi presente a protesta heroica das xentes do cerco, agora temos outra afrenta co de Ence, e a música afortunadamente si que recolle o sentir dos homes e mulleres do mar. E este disco é en boa medida un tributo a ese bálsamo de terra liberada que é o mar ás veces. 

- Preguntaba polo estado das cousas na música en Galiza…
Precisamente con este proxecto queremos poñer en evidencia que a cultura que se fai en Galiza tamén á marxe de esforzos e axudas públicas ou privadas. Este é un proxecto que responde á xenerosidade de moitas persoas, e creo que hai que apoiar non só porque é o meu, senón porque hai centos de proxectos similares que non contan con ningún apoio de ningún tipo. 

–    Que apoios botas de menos?
–    Eu creo que hai unha ausencia de industria musical no sentido de que non somos quen de coidar os nosos creadores, e iso non é só financialos, senón darlles acubillo, a importancia que merecen nunha sociedade madura. E, por outra banda, o gran reto de seguir creando un público crítico con conciencia que non sexa o cabeza de turco dunha proposta televisiva sen audacia, sen imaxinación, sen creatividade. Creo que a creación de públicos e o coidado polos creadores son dúas eivas moi evidentes a día de hoxe.