O hip hop que non cesa
O regreso de Dios Ke Te Crew oito anos despois do seu anterior disco ou o suceso de Pólvora e Tormenta, de Ezetaerre, alumean a escena do rap en galego. A renovación xeracional e a incorporación de mulleres con rimas feministas marcan a súa saúde actual.
“Diversos motivos, proxectos en solitario, a mudanza e reforma do estudio produciron un longo parón”, explica Mou a Sermos Galiza, “até que nos puxemos en serio”. O resultado, que estará nas rúas o vindeiro abril, supón certo xiro cara á electrónica, o dub e o reggae, e unha lírica baseada na figura mítica do uróboro, a cobra que morde a cola. “As ideas do eterno retorno, da comunión ou do trance roldábannos pola cabeza”, di o MC [mestre de cerimonias, na cultura hip hop letrista e vocalista], “e relacionabamos iso coa volta do grupo”.
Que Dios Ke Te Crew retorne aos escenarios -os últimos concertos ofrecéronos en 2015- non é noticia menor na paisaxe do hip hop galego e en galego. Nunha recente enquisa da activa comunidade cibernética Hip Hop em Galego, a maior parte das participantes sinalaban a banda como a súa primeira toma de contacto co rap en galego. O seu debut Xénese (2006) contiña algúns dos himnos do xénero: Heredeiros da ditadura ou Vas de verde.
De rapazas e rapaces que sentiron os beats gordos, inzados de funk rock, e o comentario político social de Dios Ke Te Crew, amais da súa potencia escénica, naceron non poucos dos innúmeros proxectos hoxe activos no esteiro dos ritmos do gueto e a poesía rebelde. Non foron os pioneiros -Non Residentz, 5Talegos ou Ghamberros, estes dous últimos tamén en Ordes e con membros que logo pasaron por DKTC, foron anteriores- pero si os que acadaron máis repercusión popular.
O trío coruñés Ezetaerre leva os últimos meses a percorrer o Estado co seu segundo traballo discográfico, Pólvora e Tormenta (2018). Talento melódico, sen medo ás masas, e unha politización explícita á esquerda, poboada de innúmeras referencias da cultura revolucionaria internacional, definen a obra, entre as que máis transcedencia están a acadar do rap galego recente. Non se trata, nin moito menos, do único fenómeno.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 338 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]