A obra ‘Río Bravo’ abrirá a Mostra de Teatro no Mosteiro de Bergondo

Unha escena de Río Bravo pola compañía Catro Gatos. (Foto: Soraya Sampedro)
A compañía Catro Gatos poré en escena a peza de Chévere.

A asociación cultural Catro Gatos, co apoio da Deputación da Coruña e mais do Concello de Bergondo, celebrará os días 27 e 28 de setembro a I Mostra de Teatro no Mosteiro. O cartel desta primeira edición abrirá precisamente co grupo teatral Catro Gatos, que escolle para esta ocasión fundacional un texto histórico do teatro galego: Río Bravo. Esta obra estreouna o Grupo Chévere en 1990, converténdose nun dos espectáculos referencias da nosa escena. Trátase dun musical que xoga con todos os tópicos dos westerns para traspasar os límites da parodia e crear un espazo de conexión co público.

Coa dirección do actor Tone Martínez, Río Bravo conta cunha banda sonora de cancións breves dos máis variados estilos e compleméntase cun amplo dispositivo de sons incidentais e onomatopeas, configurando unha atmosfera propicia para ensanchar o imaxinario colectivo dun xénero tan icónico como vén sendo o que conforman os westerns.

A función inaugural desta primeira edición da Mostra de Teatro no Mosteiro de Bergondo terá lugar no seu claustro o día 27 de setembro ás 20.30 horas. A entrada será gratuíta e libre até completar a capacidade de 150 localidades que se instalarán neste espazo histórico.

Ademais, tras a función, actuará o grupo folclórico ACD A Meda, para completar a xornada. Xa ao día seguinte, á mesa hora, chegaralle a quenda a Arte sen guión, obra de Galeatro en coprodución co Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura.

A Asociación Cultural Catro Gatos, entre outras iniciativas, desenvolve cursos de teatro para todas as idades, organiza o Maratón Teatral no que se amosa a actividade anual do grupo de teatro e promove o ciclo Marusía Escénica, no que participan diversas agrupacións amadoras dos municipios de Carballo, Cambre, Sada, Bergondo e Oleiros.