Un disco dobre rescata o legado da banda coruñesa

Obras (case) completas de Radio Océano

Radio Océano nun concerto de 2017. Foto: cedida.

O disco Memorias do óxido é o cofre do tesouro de Radio Océano. Inencontrábel o seu único, antolóxico, elepé, Nin falta que fai (1986), a súa memoria transitaba a forza de versións doutros, en casetes ou a través de vinilos ripeados na web. Ate que o selo madrileño Subterfuge, un dos responsábeis da explosión indie estatal nos noventa, puxo fin a tan anómala circunstancia. Memorias do óxido recolle 25 cancións, en estudio e en directo, da banda coruñesa comandada por Xosé Manuel Pereiro e Santiago Romero.
 

O “punk ferroviario” -así o definiu o poeta Lois Pereiro, irmán do cantante e autor dalgunha letra- dos Océano desenvolveuse entre 1982 e 1987. Arredor de 2011 regresaron aos escenarios, pero esa é outra historia. Da primixenia ocúpase o dobre disco, dividido en Gravacións e Directos. Discorreu entre Pánico, a primeira maqueta rexistrada ao vivo no Playa Club da Coruña a finais do 82, e as 24 horas en directo de Radio 3, o 15 de abril de 1986.

 

Todas as cancións de Nin falta que fai, cuxa cuberta pintou Antón Patiño, aparecen nesta, en palabras de Pereiro, “recompilación case total”. Aínda que Quisiera que Stanley me confundiera con Livingstone, Pánico en las Falklands e Hago cine con mi coche fano en versións diferentes de época. A colleita de inéditos é frondosa: Vendidos, Reconversión ou No me mola tu pistola -no pub Sitio Distinto de Vigo en 1984 e coa intervención de Antón Reixa e Julián Hernández.

 

A Hernández correspóndelle, ademais, redactar as notas do libreto. Que inclúen a maiores un texto de Carlos Subterfuge e mais unha breve, humorística, historia da experiencia. O retrato do grupo que lembraba a Joy Division e quería ser The Clash é nítido. Memorias do óxido, dispoñíbel en dobre elepé ou en dobre vinilo, presentarase en xullo na Coruña e en outubro en Madrid. Mais esta cuarta feira, na Fundación Luís Seoane, Radio Océano ofrece un “showcase” para botar o traballo ao mundo. “Só con cancións novas”, avisa Pereiro.

 

Nota: o cedé Memorias do óxido