MÁIS

Ons, un paraíso na ría

As Illas Ons coroan a entrada á ría de Pontevedra. (Foto: Xunta da Galiza)
Unha cultura popular propia mesturada coa flora e a fauna atlántica

O arquipélago de Ons fórmano dúas illas, Ons e Onza. A primeira delas leva a fama e conta con cinco residentes fixos durante todo o ano. Onza, pola contra, é só zona de reserva. Pertencen ao concello de Bueu (O Morrazo) e localízanse na entrada da ría de Pontevedra. Desde 2002, forman parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas da Galiza. No conxunto tamén están integradas as Cíes (Vigo), Sálvora (Ribeira) e Cortegada (Vilagarcía de Arousa). 

En Ons mestúrase natureza, patrimonio histórico e praias paradisíacas en menos de 500 hectáreas terrestres. O illamento durante máis de 200 anos dos seus poboadores creou unha cultura popular única. Ademais, Ons posúe múltiples rutas a través de cantís, furnas e areais rodeados dunha abraiante fauna e flora. O arquipélago está rodeado por unha plataforma rochosa, creando fondos mariños de pouca profundidade ao seu arredor.

O acceso a Ons pódese facer empregando transporte público marítimo. En tempada alta,  existen diferentes rutas desde os portos de Bueu, Portonovo e Sanxenxo. Hai un límite de 1.300 visitantes ao día. O resto do ano débese reservar a viaxe cun ou cunha guía acreditada e o límite descende a 250-450 persoas diarias. Ons tamén permite a visita cun barco privado, mais con permiso de navegación e fondeo expedidos polo Parque Nacional. 

O arquipélago conta con tres rutas principais para coñecer a súa contorna. A Ruta Norte pasa pola praia de Melide e segue até as ruínas do castelo, observando sempre o  Atlántico e as costas das vilas próximas. A Ruta Centro, como o seu nome indica, atravesa a parte habitada da illa até chegar ao faro, pasando polos barrios do Curro, Chan da Pólvora e Cucorno. Por último, a Ruta Sur pasa polo barrio do Canexol para deterse na capela de San Xaquín e o Castro dos Mouros, que está a escavarse. A ruta continúa cara ao miradoiro dos Fedorentos e a furna do Buraco do Inferno. Mestura así a oferta natural e cultural das Ons.

Celestino Pardellas

Na illa coñéceselle como 'Tinón' e leva desde 1975 recompilando datos de interese sobre Ons. O seu proxecto quincenal, Onstopus, vai xa polo número 90. Con el, pretende informar sobre as problemáticas da illa, achegar suxestións e contar anécdotas, historias e características sobre Ons.

O Buraco do Inferno

Esta impresionante furna está formada por unha sima de 43 metros de profundidade, actualmente inaccesíbel, conectada co mar a través dun pozo e dunha galería. Dise que en días de temporal pódense escoitar berros e laios no oco da furna. As lendas contan que este lugar é a entrada ao inferno e esas voces son almas levadas polo diaño

A praia de Melide

Na parte norte da illa de Ons atópase esta praia de area fina e forma rectilínea con vistas á ría de Pontevedra. É a máis grande de todo o arquipélago e a súa particular forma permítelle evadir os refachos de vento. Toda a costa de Ons está bañada por augas cristalinas e tranquilas.

A praia de Melide sitúase afastada do núcleo urbano de Ons, ademais da zona hostaleira da illa. A praia permite o acceso a través de embarcacións acuáticas privadas que conten co permiso de fondeo e navegación oficial. Melide é coñecida por ser unha das praias nudistas máis famosas da Galiza, polo que se a visitas acórdate de ir 'ao natural'.