Os órganos de Compostela volverán soar no ciclo 'De lugares e órganos'
Un dos tesouros mellor gardados de Compostela son os seus órganos. Desde a Idade Media, floreceu na cidade unha potente industria arredor dos órganos e dos oficios relacionados con eles. Santiago de Compostela é a cidade da Galiza con máis órganos e, ao longo da Historia das súas escolas saíron moitos dos mellores intérpretes deste instrumento, espallando o patrimonio musical por toda Europa e mesmo polo Novo Mundo. Aínda que descoñecido e por veces maltratado, este riquisimo legado non deixa, séculos despois da súa construción, de xerar expectación e de conmover.
A sexta edición do ciclo De lugares e órganos, que terá lugar entre o 24 de agosto e o 3 de setembro, pretende recuperar para a cidadanía todo o herdo musical e cultural asociado aos órganos de Santiago.
Desde músicas do Renacemento até música ambiente, desde as músicas máis canónicas até as máis contemporáneas, todo un variado feixe de estilos e épocas forman parte desta nova programación, que se desenvolverá en espazos singulares da cidade que teñen como referente común a presenza dun órgano: a igrexa da Universidade, a de San Paio de Antealtares, a de San Francisco, a das Ánimas e a de Santa Clara. Unha ocasión magnífica para ligar o herdo artístico co musical.
A programación non esquece, ademais, as conexións musicais dos nosos órganos co alén mar e atrévese a botar, novamente, unha ollada á pegada que o órgano deixou tamén no cine. Todos estes mundos e conexións agardan, unha vez máis, seren descubertos sen saír da cidade.
O concerto inaugural, na igrexa de Santa Clara estará dedicado a obras ibéricas dos séculos XV e XVI, nun programa concibido en exclusiva para o órgano histórico deste templo. Seguirán concertos centrados no encontro entre as músicas europeas e americanas na era dos descubrimentos, na música ambiental ou nas frutíferas relacións que, particularmente no esplendor do Barroco, se teceron entre o mundo organístico romano e o repertorio ibérico -con extensión á música contemporánea.
Completan o programa unha charla-concerto co organista e investigador Marco Aurelio Brescia, matinés de vinte minutos de música, unha exposición sobre os órganos de Compostela ou a proxección de Carnival of Souls, un filme de culto dirixido por Herk Harvey na que a música de órgano ten un protagonismo especial.
As entradas para os concertos do ciclo son de balde, pero é preciso retirar invitación na billeteira do Teatro Principal. Se non se esgotan antes de cada actuación, tamén se poderán recoller os pases no propio lugar da actividade.