O OUFF recupera a "obra mestra non recoñecida" de Carlos Velo

Un fotograma de 'Raíces'
Un dos filmes de maior transcendencia na historia cinematográfica de México, unha obra mestra do que hoxe chamariamos cine indixenista, tivo como autor ao cineasta de Cartelle Carlos Velo. Porén, unha carambola da fortuna quixo que esa autoría lle fose negada e que tivesen que pasar moitos anos para que o seu papel na realización daquel filme. Raíces será agora reivindicada polo OUFF como unha parte integrante da filmografía do cineasta galego. 
 

Era, sen dúbida, a gran promesa dun cinema galego de seu, e como tantas outras cousas, o golpe de Estado botou por terra aquela esperanza. Carlos Velo anticipou, co maxistral Galicia, un rexurdimento no cinema que enlazaba con Eisenstein, con Flaherty, con Pudovkin... Mais aquel fatídico 18 de xullo de 1936 desviou o seu talento cara a México, onde debeu enfrontarse ás inseguridades e o azar do exilio.

Unha desas continxencias que lle reservaba o destino relaciónase directamente cunha película, Raíces, que obtivo o Premio da Crítica no Festival Internacional de Cannes en 1955, e que, malia que foi dirixida polo propio Velo, acabou asinada polo director mexicano Benito Alazraki.

A próxima edición do  Ourense Film Festival (OUFF) reivindicará a Velo como director da longametraxe no 70º aniversario do filme. Raíces, estreada en 1954 e producida por Barbachano Ponce, está considerada toda una obra mestra do cinema documental mexicano e unha das obras fundacionais do cine independiente do país. Mais Velo só figura nos créditos como coguionista e deseñador de produción, debido a conflictos da época entre a productora Teleproducciones e o Sindicato de Trabajadores de la Producción Cinematográfica (STPC).

Conflito sindical

"O feito de que exista agora unha copia restaurada pola filmoteca da UNAM [a filmoteca nacional mexicana] e aproveitando este 70º aniversario, pensamos que era un bo momento para reivindicar a autoría de Velo e para explicar o que sucedeu, aínda que, nos círculos profesionais, xa se considera Raíces como un filme de Velo desde hai moito tempo", explica Miguel Anxo Fernández, director do OUFF, en conversa con Nós Diario.

Cando houbo que estrear Raíces, o STPC non deixou que Velo asinase como director. "El non deixaba de ser un exiliado, non era un nacional. Naquel momento existía en México unha política moi proteccionista que, por outro lado, era comprensíbel naquela altura: a veciñanza cos EUA presionaba moito na cinematografía mexicana e había que defender o propio", anota Fernández.

O propio Velo, cando recibiu unha homenaxe no Carballiño en 1985, trinta anos despois da estrea do filme, dicía con modestia que é certo que eu fixen case todo, pero o director da película é Alazkri. "El sempre tivo a elegancia suficiente como para non reivindicar a autoría da película", afirma o director do OUFF.

Mais estudosos do cine tan solventes como Georges Sadoul sempre reivindicaron a autoría de Carlos Velo. E Emilio García Riera, o historiador do cinema mexicano por excelencia, tamén coincide nesa atribución.

"Emilio Riera dicía que despois de ver Torero!, o seguinte filme rodado por Velo, quedaba claro que el era o autor de Raíces. Pero sobre todo, subliñaba que o cinema que fixo despois Benito Alzraki non estaba a altura daquel filme que rematou por asinar por un problema sindical", aclara Fernández.

Pero como apuntaba o director do OUFF, os círculos profesionais consideran a Velo como o auténtico director da película, e mesmo o Festival Internacional de Cinema de Morelia, quizais o máis importante de México, xa exhibiu o filme recoñecendo a autoría do cineasta galego. En México xa se asume tamén que o autor de Raíces é Carlos Velo.

Cine indixenista

Raíces conta catro historias que suceden en distintos lugares de México, nas que mostran a realidade do pobo indíxena navegando entre a ficción e o documental. Catro relatos -”Las vacas”, “Nuestra señora”, “El tuerto” y “La potranca”- que mostran a realidade do pobo mexicano. O filme destacou como unha produción independiente, tanto pola súa distancia coas regras da industria como polo propio contido do filme, que rompe tópicos sobre o pobo mexicano e coa imaxe que o país quería mostrar ao exterior nese momento.  

Raíces é unha obra mestra no contexto do moderno cinema antropolóxico e documental. Carlos Velo era un cineasta, mais é preciso lembrar que tamén era biólogo de formación. A súa mirada estaba afeita a diseccionar, a ver a realidade cunha mirada analítica que pon de manifesto as relacións e as forzas que están detrás do visíbel. Por iso él foi quen de dotar desa enorme profundidade o retrato da sociedade mexicana que elabora a película a través desas catro historias", aventura Fernández, quen tamén exerce como vicepresidente da Fundación Carlos Velo.

E continúa advertindo de que "o filme ten os defectos formais do cinema mexicano da década de 1950. Hai que ter en conta que a cinematografía do momento daquel país non era punteira, nin especialmente potente. Por iso hai algúns tics que semellan un punto impostados. Mais iso tamén ocorre nalgúns filmes de Buñuel rodados en México naquela época. Pero segue sendo un exemplo notabilísimo do que agora algúns historiadores chaman cine indixenista.

O propio Carlos Velo recoñeceu anos despois da estrea que Raíces "descubriu que as películas con contido realista e social, en relación cos problemas de calquer pobo, causaban unha emoción que era perfectamente vendíbel, malia os produtores consideralas nefastas".

Ademais, no filme colaboraron cineastas e intelectuais de diversas áreas e de gran prestixio naquela altura, como o poeta e cineasta García Ascot, o artista e museógrafo Fernando Gamboa, o fotógrafo Walter Reuter ou a guionista María Elena Lazo.

"Non podemos esquecer que Raíces, xunto coa posterior obra de Velo, Torero!, son os títulos cos que se comezou a formar a Filmoteca UNAM na década de 1960", explica Fernández. "O que dá unha idea do prestixio de Velo naquel país".

Por iso desde o OUFF entenden que é o momento de dar un paso máis a prol do cineasta galego como un dos grandes do xénero documental.

"Volver a ver en pantalla grande e cunha copia restaurada Raíces debe ser un xusto acto de recoñecemento a quen seguramente sería a figura fundamental do cinema galego -aínda que en certo modo xa é unha das grandes figuras seminais do noso cine- se o golpe de Estado de 1936 non coutase a súa carreira no noso país", sinala o director do OUFF.