Contracultura

Pants Off: "Intentamos falar do que máis nos preocupa en cada momento, é o máis honesto"

Román Terceiro, Alfonso Valcárcel, Diego Rodríguez e Brais Lomba son os integrantes de Pants Off. (Foto: Nós Diario)
Román Terceiro, cantante, pon a voz en Pants Off, unha banda de rock en galego que volve tras unha pausa de varios anos na súa traxectoria co seu novo traballo, 'Invisibles'. Terceiro explícanos a evolución do seu discurso e o panorama xeral da música na Galiza. Un panorama no que, como el di, “a xente, estea máis arriba ou máis abaixo, non ten reparos en botar unha man”.

—Como nace este novo disco?
Nós comezamos a tocar en 2007 e estivemos facéndoo até 2011. Foi bastante ben, mais entre a universidade e outros temas, acabamos por afastarnos un pouco e deixamos de tocar. En 2018, pola nostalxia, quixemos probar a ver como soabamos uns anos despois e acabamos gravando un par de temas que funcionaron bastante ben. Quedamos contentos e iso foi o que nos animou a seguir facendo cancións durante a pandemia e a poder darlle esta forma de EP.

Estes temas novos sacámolos antes da pandemia, polo que quedamos en terra de ninguén. As cancións funcionaran ben, mais tampouco quixemos pórnos a gravar porque non se sabía cando ía volver todo á normalidade. Se gravábamos o disco corríamos o risco de que quedase aí sen poder facer ningún directo. Por iso decidimos seguir traballando e facer temas até o ano pasado, que foi cando a cousa xa parecía que ía a mellor e comezamos a entrar no estudo a gravalos.

—Neste novo traballo tocan temas moito máis sociais.
Sempre dicimos o mesmo: somos honestos. Cando comezamos tiñamos 17 anos, o noso universo era o instituto, ir de festa e demais. Non nos saía facer outra cousa nin falar de temas dos que non sabíamos ou que non controlabamos porque non formaban parte do noso día a día. Agora é ao revés, estamos nos 30 e o noso universo é outra historia. Temos máis preocupacións acerca de temas políticos, pola situación do mundo... 
A nivel persoal, diría que o enfoque que temos da situación global é máis decadente.

Precisamente, o tema "Polarizar e convencer" creo que resume moi ben o sentimento que temos no que respecta á sociedade, de ver tanta confrontación e ter tantas dúbidas cando pos o telexornal, porque todo parece mentira. É esa sensación de saciedade que temos na cabeza e que queríamos transmitir. Por suposto, tamén hai temas máis íntimos ou relacionados coa amizade. Penso que é moi interesante ver este salto, como fomos madurando as letras cos anos.

Agora cada un ten o seu traballo e a súa problemática á hora de intentar facerse unha vida e un camiño. Intentamos falar do que máis nos preocupa en cada momento, e penso que iso é o máis honesto. 

—Colaboraron ademais con Dakidarría no tema "Arquitectos".
Para nós sempre foron uns referentes e un día vin que Gabri Reigosa nos seguía en Instagram, así que decidín mandarlle unha mensaxe privada por probar. Non nos coñecíamos de nada, mais quixemos enviarlle un pouco do que xa tiñamos gravado e proporlles esta colaboración porque tamén vemos que son xente que se presta moito, que nas súas cancións tamén buscan colaboracións.

Contestoume dicíndome que lle gustaba o que lle enviara e puxemos unha data co estudo. O tema xa estaba bastante ben encamiñado, mais Gabri tamén lle deu o seu toque á melodía, á interpretación, que é a parte máis chula dunha colaboración. Ademais, tamén quixemos darlle unha estrutura diferente, non repetir o patrón común que hai nestas colaboracións que comezan co cantante principal e introducen a colaboración na segunda estrofa.

En "Arquitectos" é Gabri quen comeza e eu remato a estrofa, e no retrouso é igual. Despois convidáronnos a cantar con eles Terra en Malatesta (Santiago) e foi incríbel. É un luxo porque claramente nós somos unha banda sen moitas pretensións e non estamos dentro do circuíto nin moito menos, e sería moi fácil e entendíbel que eles ou Ezetaerre no seu momento nos dixesen que non tiñan tempo ou que xa tiñan moitas colaboracións. Iso é algo que destaco da escena da música galega: a xente, estea máis arriba ou máis abaixo, non ten reparos en botar unha man ou en ofrecerse para colaborar e tirar doutras bandas cara arriba.