Máis

A perfecta paisaxe sonora

A actuación do cantante Andrés Suárez foi un dos atractivos da anterior edición. (Foto: Paisaxes Sonoras)
A música para a vista e o oído no Barbanza.

Nun momento no que sobordan os festivais en macro recintos, a comarca do Barbanza ofrece unha alternativa accesíbel e diferente que permite desfrutar de non só unha, senón de varias localizacións idílicas. Aproveitando a beleza da súa contorna costeira e natural, o ciclo musical Paisaxes Sonoras amosa que o espazo desde o que soa a música tamén é importante.

Desta forma e como xa se vén producindo en anos anteriores, sitúa os seus escenarios en catro concellos diferentes da península do Barbanza, rompendo co estático dos festivais tradicionais. Por un prezo de 20 euros, as persoas asistentes visitarán entre as xornadas do 23 e 25 de agosto espazos como o Pazo de Goiáns de Boiro, no que tocará o artista Abraham Cupeiro ás 20 horas da sexta feira, ou o Parque Periurbano de San Roque de Ribeira, no que na mañá do sábado, ás 12 horas, será a quenda do dúo Uxía e Ruibal. Mais a experiencia non acabará alí.

O sábado, ás 20 horas, afiarán as súas guitarras o grupo The Rapants para amenizar a noite da Pobra do Caramiñal. En concreto, tocarán no miradoiro de Cabío, no que animarán a corear os temas do seu último álbum. Ese é un dos puntos fortes da xeira, mais non o único, pois o toque de cor virá da man do solista coruñés Xurxo Fernandes e do grupo tradicional Pan sen Fron, ambos con postas en escena moi potentes e vivas que non deixarán indiferente o público do Pazo de Rianxiño, na localidade de Rianxo. Estas actuacións, programadas para o domingo ás 12 horas, serán as que fechen o lecer na península, polo menos por este ano, para levar a calma e o rumor do vento de novo á ría de Arousa.

 Paisaxes Sonoras
Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Rianxo / Bono único de 20 euros / 981 845 236