Pontevedra comeza unhas festas da Peregrina máis inclusivas que nunca

Demetrio Gómez, concelleiro en Pontevedra (Foto: Nós Diario).

AFeira do Mel Meleira, celebrarase na rúa Serra de Pontevedra entre a cuarta feira 14 de agosto e o sábado 17.

O edil de Festas do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, destacou onte en rolda de prensa que a cidade xa está lista para comezar as Festas da Peregrina. Gómez informou de todas as actividades organizadas durante a Semana Grande que, entre outras novidades, incluirá unha Batalla de Flores que comezará sen música pensando nas persoas con trastorno do espectro autista (TEA).

Este é un dos novos pasos que dá o Concello en materia de medidas de accesibilidade e inclusión, que abranguen tamén a ampliación do tempo sen son nas atraccións da feira ou unha sala de lactación nos aseos instalados na Alameda pontevedresa. Tamén se instalaron plataformas para que as persoas con mobilidade reducida poidan ver os concertos da praza da Ferrería e da praza de España; e haberá tradución en tempo real á lingua de signos durante o pregón.

As Festas da Peregrina comezarán hoxe o seu programa oficial de actividades, que rematará na segunda feira 19 de agosto. "Practicamente todo está listo e todo está en orde para que comece a Semana Grande", explicou o concelleiro, quen tamén destacou a "dificultade e dimensión" do operativo despregado.

Feira do Mel

Por outra parte, esta mesma sexta feira 9 de agosto, tivo lugar a presentación da 34ª edición da Feira do Mel Meleira, que se celebrará na rúa Serra de Pontevedra entre a cuarta feira 14 de agosto e o sábado 17. No acto, a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, destacou que se trata dunha ocasión para "reivindicar e visibilizar a necesidade de potenciar un sector chave". Catas comentadas, obradoiros de extracción de mel, concertos e contacontos fan parte do programa.