Segunda edición do 17 graos Festival Ribeira Sacra

Pop en palcos singulares da terra do viño

O músico folk estadounidense Elvis Perkins, que actuará na Ribeira Sacra. Foto: cedida.

Os festivais en escenarios singulares son unha tendencia cada vez máis habitual. A oferta de citas musicais no verán galego é tan ampla que, dalgún xeito, as promotoras buscan diferenciarse. É o caso do do 17 graos Festival Ribeira Sacra, que terá lugar nesa bisbarra vitivinícola do 27 ao 29 de xullo.
 

Os palcos do encontro ribeirao marcan xustamente esa particularidade. Adegas, unha praza do casco vello de Chantada, o Parador de Monforte, a cuberta dun catamarán Miño abaixo, o espectacular miradoiro de Santiorxo en Sober. “O programa da segunda edición reunirá de novo concertos na natureza, catas de viños, directos en catamaráns, adegas, visitas guiadas, roteiros, cociña de autor e moitas outras sorpresas”, explica a organización.

 

O festival arrinca a sexta feira 27 de xullo cun concerto sorpresa no catamarán de Doade (Sober). Será as catro e media. Seguirán Gloria e Ghost Beast en Santiorxo. Ás nove da noite, Morgan e The Harversters, na adega Regina Viarium, tamén en Doade.

 

O sábado será o día grande do 17 graos Ribeira Sacra. Ás doce e media, o exquisito folk americano de Elvis Perkins -o seu disco de 2007, Ash Wednesday, é unha pequena alfaia- abrirá a xornada en Santiorxo. Á mesma hora no catamarán de Doade estarán Tulsa. Á hora de xantar, en Regina Viarium, Mujeres, é ás cinco da tarde, Ten Fe na adega Algueira, tamén en Doade. Tulsa repetirá no catamarán ás sete do serán.

 

O Parador de Monforte de Lemos acollerá, a partir das oito, a verbena principal: Coque Malla, Woods, Puerto Candelaria, Freedonia e Fuckaine. O encontro rematará o domingo cunha sesión vermú en Chantada e De Vacas e Bifannah e, simultaneamente, outra no catamarán a cargo de Holly Miranda.

 

A empresa detrás do certame é I-Radioa Crea e conta cos patrocinios da Deputación de Lugo e de Cervezas Alhamabra, ademais de coa colaboración de Agadic, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e mais dos concellos da zona.