A Rede de Bibliotecas cuadriplica o valor de cada euro investido nela

Presentación esta quinta feira, 18 de xullo, do informe encargado pola Xunta da Galiza. (Foto: Xunta da Galiza)

A Rede de Bibliotecas Públicas da Galiza atendeu no 2022 máis de 800.000 usuarios e puxo a disposición da cidadanía máis de 7 millóns de documentos.

A Rede de Bibliotecas Públicas da Galiza (RBPG) xera un impacto positivo na cidadanía, tanto en termos sociais como económicos. Así, cada euro investido neste servizo implica un retorno na sociedade de 3,85 euros. Así o estabelece un estudo presentado onte polo conselleiro de Cultura, Lingua e  Xuventude, José López Campos que, explicou, "sitúa a media de satisfacción da poboación en 8,7 puntos sobre 10 con respecto a estes equipamentos".

É a primeira vez que desde o Goberno Galego se realiza unha análise destas características, seguindo unha metodoloxía utilizada noutros territorios. O dato do retorno do investimento baséase na técnica de asignación de prezos de mercado, determinando así o valor dos servizos -préstamo de libros, uso da sala de lectura, valor do asesoramento bibliográfico...- comparándoos con outros análogos polos que si se paga.

Neste cálculo destaca, por exemplo, que por cada euro destinado á adquisición e mantemento do material de préstamo (libros, contido audiovisual, etc.), a cidadanía recibe un retorno social de 9,63 euros. Así mesmo, a sociedade recibe un retorno de 2,75 euros se atendemos ás asignacións para a realización de actividades. 

A análise demostra que a rede pública de bibliotecas ten unha gran rendibilidade para a sociedade, e conclúe que a cidadanía está de acordo en que estas entidades lle achegan múltiples beneficios, valorando a súa importancia no acceso á información e ao coñecemento. 

Para chegar a estas conclusións, o estudo valeuse dos últimos datos estatísticos publicados en Galicia, do ano 2022, que foron apoiados por outros informes similares. A partir desta información leváronse a cabo dúas enquisas, unha para persoas usuarias e outra para non usuarias, co obxectivo de obter unha valoración do servizo sobre diversos indicadores. Ademais, para estimar o valor económico da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, utilizáronse dúas metodoloxías, a técnica de asignación de prezos de mercado e a valoración continxente.

Na RBPG están integrados 302 centros en toda a Comunidade. Trátase de equipamentos tanto de xestión autonómica (8), como de titularidade municipal (292), aos que se engaden dous privados a disposición pública. Segundo os datos de 2022 manexados na análise, a Rede de Bibliotecas Públicas da Galiza conta con 809.229 persoas usuarias, das cales 38.394 corresponden con novas inscricións, contabilizándose 3.305.169 visitas (46,3 por día) e poñendo a disposición da cidadanía 7.135.378 documentos.