O regreso do Día da Patria Galega ao corazón de Compostela, no 'Sermos Galiza'

Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.

Lembra que podes atopar o ‘Sermos Galiza’ este sábado, 13 de xullo, acompañando o xornal 'Nós Diario'. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Como é habitual, este sábado, 13 de xullo, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta volta cunha fotorreportaxe moi especial. Xan Carballa achéganos as mellores instantáneas do Día da Patria Galega de 1984, ano no que a manifestación nacionalista puido volver percorrer as rúas do casco vello da capital galega.

Após varios anos de continua represión policial contra a celebración do 25 de xullo, a chegada dos restos de Castelao a San Domingos de Bonaval un mes antes e as protestas que se desataron posteriormente, puxeron o punto final ao “exilio” da manifestación do Día da Patria Galega.

“Nun mesmo día as dúas reivindicacións, liberdade de manifestación e desagravio á memoria de Castelao, venceron a prohibición e abriron un período ininterrompido de presenza nacionalista nas rúas da capital da Galiza”, relata Carballa.

Literatura e xeopolítica

O Sermos Galiza deste sábado 13 de xullo inclúe unha entrevista a Alberte Blanco Casal. Con motivo da publicación da súa terceira novela, A soidade do inquisidor (Xerais, 2024), Xan Carballa conversa co escritor e ex director xeral de Montes sobre o proceso de construción das súas obras, mantendo a tensión entre a historia e a ficción, dúas dimensións que lle serven de vehículo a preocupacións que aborda tamén en ensaios como o aínda recente Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo (Xerais, 2021). Unha baza que lle permite a Carballa preguntar Blanco sobre a súa visión xeopolítica actual e de futuro.

“Estamos nunha transición histórica e é un pensamento compartido por moitos expertos que discrepan da opinión mainstream unificada nos medios occidentais. O que vivimos é a decadencia dun Occidente que leva cincocentos anos dominando o planeta desde a chegada a América e a expansión colonial e neocolonial. Ese dominio aínda é grande pero está en visíbel retroceso día a día”, explica Blanco.

Andar ás crebas

Sabías que o lixo plástico que atopamos constantemente na area das praias pode ter unha segunda vida? Lucía Alcaina Romaní achéganos nunha reportaxe titulada “Iniciativas crebeiras que coidan da Costa da Morte” unha serie de proxectos radicados na Costa da Morte e protagonizados por un conxunto realmente diverso de persoas mobilizadas por coidar o mar.

Ir ás crebas era, antigamente, unha práctica certamente aventureira na cal sorprenderse cos restos de naufraxios ou calquera obxecto que a vida no Atlántico puidese deixar á deriva. Hoxe, as crebas non son algo anecdótico, supoñen un grave problema de contaminación mariña”, relata Alcaina.

A Asociación Mar de fábula, a Aula sostible do Freixo, o proxecto Diversiplás ou Lixo Atelier son exemplos de iniciativas que transforman o plástico das crebas dándolle unha segunda utilidade. “Nunca se sabe onde nin como resoará o eco das accións, mais é sinxelo e tamén xenial imaxinar unha Costa da Morte repleta de iniciativas crebeiras que miren de fronte as feridas que percorren esta terra do mar”.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos GalizaTensi Xesteira e Susana Sanches Arins achégannos as novidades no sector literario, a comezar por Rotas. As mulleres que o franquismo agochou en Compostela, de Montse Fajardo (Positivas, 2024), e a seguir por Nave, de Olaia Sendón (Xerais, 2024).

No apartado musical, Belém Tajes o disco Basal (Raso), o novo disco de Ugia Pedreira. Achegamos tamén outras novidades e recentes estreas do panorama musical galego. Aliás, César Morán asina o artigo ‘O mito mais puro e natural no pop dos sessenta'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme O castelo ambulante (Hayao Miyazaki, Reino Unido), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. Ademais, o Colectivo Xea lévanos pola costa do Concello de Cangas (O Morrazo), na sección Andar e Ver.

Manuel Xestoso fala da obra teatral El verdugo, dirixida por Ángel Calvente, ademais de achegar as principais novidades na escena. Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o 'Sermos Galiza' este sábado, 13 de xullo, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!