Revenidas Miúdo fecha cartel con Xabier Díaz e Guillerme Fernández e Cé Orquestra Fantasma

Xabier Díaz. (Foto: Arxina)
O festival familiar celebrarase no Monto do Gozo o domingo 28 de xullo, a partir das 12 horas e con entrada de balde.

O Revenidas Miúdo, que terá lugar o domingo 28 de xullo no monte do Gozo de Santiago, fecha o cartel coa incorporación de novas propostas musicais e escénicas, entre as que destaca o espectáculo creado polos músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández a partir das cancións de berce do disco Arrolos de leite que Díaz publicou en 2023 baixo a produción de Deleite.

Tamén se suma ao cartel do Revenidas Miúdo ese incansábel correcamiños que é Cé Orquestra Pantasma, coa súa proposta unipersoal na que ten cabida a música o humor e a narración. A vertente musical complétase coa presenza de Ollo Piollo, grupo que combina divertidas cancións con ritmos variados, que van desde o country ou a bossa nova até o hip hop ou o reguetón.

Na vertente escénica o Revenidas Miúdo incorpora a presenza do Mago Noel, que presentará o seu espectáculo Que Curioso!, un show de maxia participativo, colorido e divertido, no que combina diversas disciplinas circenses e teatrais. O espazo dedicado aos máis cativos e cativas, a Zona Bebé estará animada pola actriz e contacontos Bea Campos e pola compañía Títeres Alakrán.

Con estas novas incorporacións, o Revenidas Miúdo pecha definitivamente o cartel da súa segunda edición, da que xa estaban anunciadas as presenzas de Uxía Lambona, A Banda Molona, A Gramola Gominola, o Concerto PunkInfantil, de Brais das Hortas e Peter Punk;  e Pakolas e Laura Romero, que presentarán Cores, Contos e Rock coa Ramona pequena.

Ademais, ao longo da xornada,  no recinto do monte do Gozo, que conta con piscinas públicas, realizaranse diversos obradoiros, haberá unha zona de xogos populares, un mercado creativo e outras moitas sorpresas.

O Revenidas Miúdo naceu o ano pasado cun espírito de romaría diúrna de carácter familiar. Dará comezo ás doce do mediodía e a entrada é de balde.