O Revenidas Miúdo publica os horarios das actuacións nos seus tres escenarios

Xoán Quintáns, organizador do Revenidas Miudo, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Pedro González Boquete, director executivo de Leite Noso, Xosé Manuel Merelles, director de Turismo da Galiza, e Eduardo Barbagelata e Ana Iglesias, representantes do complexo do Monte do Gozo (Foto: Revenidas Miúdo).
O festival familiar decorrerá no Monte do Gozo o domingo 28 de xullo, con entrada de balde.

O Revenidas Miúdo, que decorrerá o domingo 28 de xullo no complexo do Monte do Gozo, contará con tres escenarios, nos que terán lugar a decena de actuacións musicais e escénicas programadas dende as doce do mediodía até as oito da tarde.

O festival arrincará ás 12 horas no escenario Deleite co Concerto Punkinfantil a cargo de Brais das Hortas e Peter Punk. Nese mesmo escenario, ás 14.20 horas actuará o grupo Ollo Piollo, ás 17 horas Uxía Lambona e a Banda Molona e, para fechar o festival, a partir das 19.20 horas A Gramola Gominola presentando o seu espectáculo As que máis molan da Gramola.

O escenario Xunta-Xacobeo Galiza activarase ás 13.20 horas co espectáculo de maxia Que Curioso! a cargo do Mago Noel. Ás 15.40 horas subirán a el Pakolas e Laura Romero, que presentarán Cores, Contos e Rock coa Ramona pequena. E ás 18.30 horas será a quenda de Cé Orquestra Pantasma.

O terceiro foco de atención do Revenidas Miúdo é o Espazo Bebé, que estará aberto ininterrompidamente até as 20 horas. O Espazo Bebé acollerá ás 13.30 horas unha sesión de contos de Bea Campos, ás 16.30 horas o concerto Arrolo de Leite, a cargo de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, e ás 18.30 horas unha función.

Ademais destas actuacións, ao longo da xornada, no recinto do monte do Gozo, que conta con piscinas públicas, realizaranse diversos obradoiros, abrirase unha zona xogos populares ás 16 horas, haberá tamén un mercado creativo e outras sorpresas.

A entrada ao Revenidas Miúdo é de balde.

O Revenidas Miúdo, un evento de ocio familiar en lingua galega que naceu o ano pasado cun espírito de romaría diúrna e que congregou a máis de 3.000 asistentes, decorre en colaboración coa Xunta da Galiza-Turismo da Galiza e Deleite.

Valoracións

O director de Turismo da Galiza, Xosé Manuel Merelles, animou ás familias a participar nesta iniciativa e recordou a importancia que ten o turismo familiar na estratexia da Xunta á hora de incluír unha oferta para todos os públicos e en conexión coa natureza. Puxo de manifesto tamén o valor do Monte do Gozo, cuxa recuperación para acoller eventos e concertos contou co apoio da Xunta, e se consolida como lugar estratéxico para a posta en marcha deste tipo de eventos.

Desde a Secretaría de Política Lingüística, Valentín García destacou que todos os grupos que participan no festival fan música en galego e entran dentro da intervención en política lingüística co público infantil e as familias para consolidar o emprego da lingua nas idades máis temperás. Pola súa parte, Pedro Boquete, de Deleite, puxo o énfase nos valores relacionados coa convivencia e a solidariedade que proclama e difunde este festival para todos os públicos.