Roberto Pascual deixa a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia no mellor momento do festival en décadas

O profesor e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual (Foto: Nós Diario).
Coas 40 edicións da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, fecha un ciclo de éxito e crecemento cuantitativo e cualitativo da MIT, que deixa paso a unha nova etapa, anunciou a dirección da mostra na clausura do evento.

Coas 40 edicións da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, fecha un ciclo de éxito e crecemento cuantitativo e cualitativo da MIT, que deixa paso a unha nova etapa, anunciou a Dirección da mostra na clausura do evento.

No mellor momento do festival nas últimas décadas, o director da MIT, Roberto Pascual, anunciou a súa decisión de deixar o cargo tras unha moi meditada fase de valoración da situación e do que significa para Ribadavia e para a Galiza un motor sociocultural destas características.

Por un lado, Roberto Pascual valora que despois de 15 anos e 16 edicións na Dirección Artística do festival, é necesario deixar paso a un novo proxecto nun cargo de responsabilidade pública dunha institución cultural coma a MIT.

"Non convén eternizarse nun mesmo posto de responsabilidade pública, débese ter sentido institucional tanto nos momentos de defensa das debilidades coma nos momentos máis florecentes. A honestidade e o sentido de servizo público para os dereitos da cidadanía deben estar por enriba dos sentimentos egoístas que poidan darse en situacións de estabilidade e recoñecemento amplo como esta", explicou o director da mostra.

"Marchar nun momento tan bo, con premios e apoios, tamén é xenerosidade co proxecto, oportunidade para que a mostra poida seguir no bo camiño e darlle normalidade ás transicións, que na maioría dos casos se dan por motivos non positivos. Debería ser máis normal o legado en positivo para o ben común e as transicións acompañadas", afirmou Pascual.

Roberto Pascual fará un balance demorado da súa etapa, que foi desde a 25 edición até a número 40, no mes de setembro. Será no pleno deste mes, no Consistorio de Ribadavia, e dará cumprida información e detalles da evolución da Mostra estes anos en termos de transparencia, sustentabilidade e progreso profesional e internacional.

Até o mes de setembro non se detallarán as bases e procedementos para a escolla da nova Dirección, na cal participará e colaborará de maneira xenerosa o director saínte, que tamén desexa emprender novos proxectos persoais e profesionais despois dunha intensa etapa de dedicación e inxente implicación no progreso da mostra e da vila de Ribadavia.

"O respaldo popular, a valoración da calidade polos medios especializados e a evolución do seu perfil internacional son os selos de calidade da histórica mostra nestes últimos anos. Ten consolidado un equipo organizativo moi implicado e coñecedor do contexto e un futuro prometedor. A MIT é un emblema", concluíu.