O regreso de Castelao e Rosa Aneiros protagonizan o 'Sermos Galiza'

Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
Podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 25 de maio, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Como é habitual, este sábado, 25 de maio, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta volta a protagonista é a escritora Rosa Aneiros (Valdoviño, 1976), a quen entrevista Montse Fajardo con motivo da publicación d'A noite das cebolas (Xerais, 2024).

"O libro ten a vontade de deixar un pouso para que cadaquén obteña a súa mensaxe nel. Que haxa algunha imaxe, algún personaxe, que che conte algo e deixe ese pouso en ti, para ben ou para mal. Igual che abre algunhas feridas que crías fechadas pero ten que haber algo que te conmova, que te deixe diferente a antes de ler o libro", afirma a autora nesta extensa conversa.

O regreso de Castelao ao seu Museo

O 28 de xuño de 1984 Xan Carballa cubriu para o xornal A Nosa Terra a chegada dos restos de Castelao á Galiza. Corenta anos despois, o Museo de Pontevedra que o rianxeiro axudara a pór en marcha acolle unha exposición con medio cento das fotografías tomadas entón, que percorremos co autor e co comisario da mostra, Enrique Acuña, para achegarnos de novo a aquela data, tan histórica como polémica. Sobre isto escribe tamén Montse Fajardo, que acompaña a reportaxe de apertura deste Sermos de múltiples fotografías tomadas por Carballa.

As imaxes que tomou naquel día recollen, fundamentalmente, tres escenarios: o aeroporto, os arredores de Bonaval e o templo onde foi soterrado o cadaleito; e transmiten á perfección a relevancia da data e a tensión con que foi vivida. O luxo engadido de percorrelas con el e co comisario da mostra posibilitan fixarse nos detalles e pór nome, entre a multitude, a rostros ben coñecidos do país.

Cruz Aguiar: novos camiños

O urbanismo está mudando de paradigma. Nas rúas onde o coche era o rei, estanse buscando alternativas para que o peón recupere o seu espazo. As cidades están a apostar por unha mobilidade máis ecolóxica e segura, con máis verde nas súas rúas. Os arquitectos Cruz Aguiar están desenvolvendo medidas innovadoras seguindo estes novos camiños. Sobre isto versa a segunda reportaxe do semanario, da autoría de Iago Valverde.

"Temos unha liberdade coartada na cidade. O peón debería ser o actor principal do espazo pero está subxugado ao vehículo. Aínda se están a empregar os dogmas dos anos 60 e 70 na xestión do tráfico. Débense reverter as prioridades", comenta Eduardo Cruz.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Anxo González Guerra achégannos as novidades no sector literario, a comezar por Na sala dos espellos, de Liv Strömquist e traducido por David A. Álvarez Martínez (Catro Ventos, 2024), e Códice Calixtino, de Luz Pozo Garza (Xerais, 1991).

No apartado musical, Lois Agrelo analiza o disco Músculo! (Ferror Records), de Ulla, e achegamos tamén outras novidades e recentes estreas do panorama musical galego. Aliás, Xurxo Souto asina o artigo 'Revista bravú', na liña do seu especial sobre o 30 aniversario do movemento da música bravú.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme O auto das ánimas (Pablo Lago, Galiza), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. E Ramsés Pérez fálanos de como a as andoriñas "okupan o cuartel" na sección Ir ás aves. Aliás, Branca Novoneyra fala da obra poética de Gary Snyder en A Palabra Futura.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 25 de maio, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!