Rosalía, máis viva que nunca
Superheroína, figura pop, minimalista... É Rosalía de Castro reinterpretada en 2017. Todas as formas que adopta teñen unha característica en común: a modernidade. E é que a máis recoñecida autora da literatura galega está máis viva que nunca. Poderemos comprobalo no Festival Rosalía que organiza a Deputación da Coruña, xunto co Concello de Santiago, a AELG e a Fundación Rosalía, o 29 e 30 deste mes en Compostela.
Camisolas, sacas, axendas, láminas, cadernos, bixutería, mochilas, pandeiretas, velas... até cervexa. Son ducias as formas que adoptan os produtos protagonizados por Rosalía de Castro. Unha Rosalía que chega máis moderna que nunca e á que a Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e a Fundación Rosalía de Castro, lle dedica unha gala os días 29 e 30 de setembro en Santiago de Compostela.
Entradas de balde
No seguinte día, o sábado día 30 de setembro, terá lugar a feira de produtos coa “marca Rosalía”. Participará unha vintena de empresas que fan camisolas, bixutería, cervexa, sacas, libros ou discos coa escritora como protagonista. O mercado rosalián instalarase na Praza de Cervantes e estará aberto de 11 a 20 horas. Nas imaxes que acompañan este texto pode verse unha selección de produtos que estarán á venda. A música tamén fará acto de presenza o sábado, da man da Banda Municipal de Santiago, que inaugurará a feira, e Habelas Hainas e da compañía de Larraitz Urruzola, tamén con monicreques arredor de Rosalía.
Nese sentido, a vicepresidenta da Deputación parabenizou Xiana Iglesias, de Maos, autora da imaxe do cartaz do acto, por ter mostrado a Rosalía como “unha superheroína que ten os libros como arma, chea de cores e diversidade, que se achega ao público infantil, enérxica e feliz, alegre e transgresora” e mostrou a toalla comercializada nos anos cincuenta por unha empresa de Padrón conmemorando o monumento de Santiago que atopou na casa familiar, “un referente en moitas casas que mostran tamén a Rosalía como pioneira nese ámbito comercial”.