Camisolas, sacas, axendas, láminas, cadernos, bixutería, mochilas, pandeiretas, velas... até cervexa. Son ducias as formas que adoptan os produtos protagonizados por Rosalía de Castro. Unha Rosalía que chega máis moderna que nunca e á que a Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e a Fundación Rosalía de Castro, lle dedica unha gala os días 29 e 30 de setembro en Santiago de Compostela.
O propio cartaz oficial do festival –cunha imaxe da escritora como unha superheroína de banda deseñada– xa deixa ver o que atoparemos o 29 e o 30 en Compostela. Dúas xornadas para homenaxear unha Rosalía “moderna, reivindicativa, revolucionaria, con mensaxes contundentes e defensora dos dereitos da Galiza e das mulleres”, en palabras da vicepresidenta da Deputación, a nacionalista Goretti Sanmartín.
Entradas de balde
Alén da autora, as protagonistas deste festival, que conmemora o centenario da inauguración do monumento da Alameda de Compostela, serán a música e a poesía. Así, o Teatro Principal acollerá unha gala o venres 29 de setembro, ás 21h, en que actuarán Abe Rábade xunto con Nastasia Zürcher; Najla Shami; Uxía Senlle con Sérgio Tannus e Santi Cribeiro e Xiana Lastra con Andrea Porto. A poesía virá da man de Anxo Angueira (presidente da Fundación Rosalía de Castro), Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG), Marta Dacosta e Rosalía Fernández Rial, ambas as dúas escritoras. Para acceder á gala, que estará presentada pola poeta e actriz Lorena Conde e que será dirixida por Avelino González, a organización pon a disposición de quen quixese entradas de balde, previa retirada no Teatro Principal (até o venres, incluído, en horario de 18-21h).
No seguinte día, o sábado día 30 de setembro, terá lugar a feira de produtos coa “marca Rosalía”. Participará unha vintena de empresas que fan camisolas, bixutería, cervexa, sacas, libros ou discos coa escritora como protagonista. O mercado rosalián instalarase na Praza de Cervantes e estará aberto de 11 a 20 horas. Nas imaxes que acompañan este texto pode verse unha selección de produtos que estarán á venda. A música tamén fará acto de presenza o sábado, da man da Banda Municipal de Santiago, que inaugurará a feira, e Habelas Hainas e da compañía de Larraitz Urruzola, tamén con monicreques arredor de Rosalía.
Na presentación deste festival, Goretti Sanmartín puxo de manifesto a intención de “recoller a idea de Rosalía como o noso maior símbolo identitario, a nosa maior icona que, ademais de ser a escritora máis musicada e que máis influíu nas xeracións posteriores, é tamén obxecto de mercadotecnia”. Traspasa así, engadiu, xeracións e fronteiras cunha “mensaxe comprometida, contundente e enérxica”. A nacionalista apelou á necesidade de reivindicar “unha Rosalía viva e do noso tempo”.
Nese sentido, a vicepresidenta da Deputación parabenizou Xiana Iglesias, de Maos, autora da imaxe do cartaz do acto, por ter mostrado a Rosalía como “unha superheroína que ten os libros como arma, chea de cores e diversidade, que se achega ao público infantil, enérxica e feliz, alegre e transgresora” e mostrou a toalla comercializada nos anos cincuenta por unha empresa de Padrón conmemorando o monumento de Santiago que atopou na casa familiar, “un referente en moitas casas que mostran tamén a Rosalía como pioneira nese ámbito comercial”.