Contracultura

Sabela Rey e Benxamín Vázquez: "Bebemos dos ritmos americanos, mais temos algo dentro que nos leva a tocar música de aquí"

A artista Sabela Rey e mais Benxamín Vázquez recibiron o domingo o XIV Premio Narf da Deputación da Coruña (Foto: Pedro Galbán).
Benxamín Vázquez pon son á guitarra de Mallou, un dúo que forma xunto coa voz e o ukelele de Sabela Rey e que foi recoñecido co primeiro premio no XIV Concurso Fran Pérez ‘Narf’. Vázquez aborda os inicios, próximos proxectos e influencias do grupo, entre as que se conta o propio músico homenaxeado no certame xa que, como el di de Narf, “é un referente moi importante para nós e diría que sen dúbida o máis fundamental”

Como foi saber que Mallou ía recibir o Premio Narf?

Sen dúbida sempre é un motivo de alegría que che premien e recoñezan polo teu traballo e evidentemente é moi bonito recibir este primeiro premio despois de tanta dedicación, esforzo e mimo que puxemos no noso proxecto. É un certame que conta xa cun certo recoñecemento e a verdade é que nos animamos a presentarnos sen darlle moitas voltas porque ten moito atractivo, tanto a nivel da visibilidade e do recoñecemento que outorga para nós como a nivel económico, que tamén é importante.

Unha das influencias que estivo presente desde os inicios de Mallou é xusto Fran Pérez, 'Narf'.

Precisamente é un referente moi importante para nós e diría que sen dúbida o máis fundamental. Ambos sentíamos moita admiración por el, gustábanos moito a súa forma de compor, de cantar, de tocar a guitarra, de arranxar as cancións...

De feito, tivemos a sorte e o pracer de coñecelo e de tocar con el porque colaborou noutro dos grupos que compartimos Sabela mais eu, The Lákazans, e eu persoalmente podo dicir que tiña un vínculo de amizade con el. Como dicía, foi así incluso antes de que tivéramos nome. Mallou comezou porque nos encargaran algúns temas arredor da figura de Rosalía de Castro para celebrar o Día das Letras Galegas nun instituto. Facendo a compilación, xustamente Narf tiña un disco con varios poemas dela e escollemos un par. 

Até ese día nunca tocáramos en formato dúo, mais o certo é que gustou moito alí e tamén nos gustou a nós esa experiencia. Despois xa creamos o grupo como tal. 

O xurado salientou a mestura entre a música tradicional galega e os sons doutros ritmos como o country, o blues ou o soul. Foi algo natural ou planificado? 

Mencionábao antes, porque nós os dous compartimos un par de proxectos que están moi enfocados cara á música americana e con eses ritmos aos que fixo referencia o xurado do certame: The Lákazans e Sabela King & The Heartbreakers.

Como a linguaxe da que máis bebemos foi esa foi unha mestura moi natural, e case inevitábel diría eu, porque aínda que toquemos música tradicional galega estas son as ferramentas que levamos dentro, partimos delas á hora de enfrontar as cancións. Alén destas influencias, cada un pola nosa parte xa tiñamos algo dentro que nos levaba a querer tocar a música de aquí. Na familia de Sabela hai persoas que cantan tradicional, o propio Xoán Bello Mallou, e de aí vén moito o seu vínculo e eu tamén estaba en parte influenciado por iso e por gravacións dos anos 50 ou 60 que fora escoitando. O certo é que foron varias cousas as que se nos xuntaron para animarnos a continuar con este proxecto e tamén para facelo deste xeito. 

Teñen algún proxecto ou obxectivo futuro?

Nestes momentos contamos con tres vídeos en directo que publicamos no primeiro ano de Mallou e que gravamos en Pouland Studios -Bos amores, de Rosalía e musicado por Narf, Berra e No profundo- e outros dous que publicamos o ano pasado e que gravamos na Sala Riquela (Santiago) -O baile de Noró, de Xabier Díaz, e Aí vén o Maio, de Curros Enríquez e musicado por Luís Emilio Batallán-. Supoño que intentaremos facer un proximamente e nalgún momento abriremos a posibilidade de gravar un disco. É algo que está aí pendente, mais sen urxencia, diría que é algo a medio ou longo prazo porque é algo do que falamos mais ao que aínda non lle demos moita forma.

É dicir, sabemos que nalgún momento teremos que pensalo, planificalo e facelo, mais polo momento non está na axenda máis inmediata nin próxima. O que si imos facer proximamente é un concerto o día 10 de febreiro no Barco de Valdeorras.