O Salón do Cómic e da Ilustración volve a Cangas cargado de novidades

A ilustradora e autora de cómics María Brenn visitará Cangas. (Foto: Embora)
O 'Paseo da Fama' lembrará artistas convidadas nas últimas 19 edicións do evento.

O XX Salón do Cómic e da Ilustración de Cangas (O Morrazo) comezará este sábado –e durará até o 20 de xullo– con dúas novidades importantes. Por unha banda, o 'Cómic Cangas Boulevard', un particular 'Paseo da Fama' que lembrará os máis de 60 artistas que pasaron polo Salón até o momento. Mercedes Lorenzo, técnica responsábel da Área de Xuventude do Concello, anunciou que este paseo situarase nun treito duns 90 metros da canguesa rúa San Xosé, con estrela sno chan cos nomes dos ilustradores e debuxantes que visitaron a vila desde a primeira edición.

A outra novidade é un Mercadillo do Cómic e da Ilustración, un espazo onde as persoas afeccionadas ao mundo da ilustración e da banda deseñada terán a oportunidade de mercar debuxos orixinais dos artistas Leandro Barea, Víctor Rivas, Jorge Campos, Alicia Blanco, @Yai_Dibuja e Sarai Lorenzo. O mercado terá lugar este sábado, 13 de xullo, na Casa da Bola, entre as 11 e as 19 horas. 

Outro dos pratos fortes do Salón nesta XX edición son os artistas convidados, pois estarán en Cangas María Bren, Cristian Robles, Miguel Robledo e Gabriel H- Walta. Este sábado, a partir das 19 horas, poderase percorrer unha exposición coa obra destes autores.

María Bren é un exemplo de talento novo galego, cunha gran traxectoria como ilustradora ás súas costas. Outro convidado é Cristian Robles, cuxo traballo inclúe cómic, ilustración, animación, ademais de ser autor de catro libros. Miguel Robledo, pola súa parte, é unha das principais figuras da ilustración e do cómic galego e estatal. Por último, estará tamén en Cangas Gabriel H. Walta, un dos debuxantes máis prestixiosos do mundo, dúas veces gañador do Premio Eisner e nomeado ao terceiro na edición deste ano en California, cuxo resultado, ademais, se coñecerá durante o Salón.

Premio 'Tinta de Lura'

O XX Salón do Cómic e da Ilustración tamén estrea premio de banda deseñada: o Tinta de Lura, organizado por IES da vila. Este sábado mesmo farase entrega autores dos libros gañadores, tanto na categoría de lingua galega, que recibirán Xulia Pisón e Óscar Losada por Irene, a porteira (Universidade da Coruña, 2023), como na de lingua española, que foi outorgada a Ana Oncina por Planeta (Planeta Cómic, 2023).