Galiza, ecoloxismo, economía, lingua, Palestina, Portugal e a revolución protagonizan a segunda xornada do Festigal

María Obelleiro, Verónica Torrijos e Bernardo Valdês Paços conversan no Festigal. (Foto: M. V. C.)
Colonialismo e ultradereita foron algúns os temas debatidos nas palestras do Festigal, evento que cada 24 e 25 de xullo organiza Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre en Compostela con motivo do Día da Patria Galega.

A segunda xornada do Festigal, tivo este 25 de xullo un acentuado carácter reflexivo, coa presentación na Galería das Letras e das Ideas de diferentes publicacións orientadas a xerar pensamento sobre distintos temas que afectan á actualidade.

Ás 16.30 horas comezaba a rolda de presentacións coa do volume Francisco Villamil, heroe de guerra de Cuba e xeneral de división do mambís nacido en Galiza, unha recuperación desta figura histórica, nada en Ribadeo, que se uniu aos cubanos que conspiraban pola independencia de Cuba, na década de 1860. Moncho Leal e Erea del Río, expresidente e presidenta da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, foron os encargados de resumir os contidos do libro.

A tarde continuou cunha nova presentación de Liberdade para o galego (Laiovento), asinado por Elsa Quintas e Marcos Maceira que, acompañados por Pilar García Negro, se achegaron a diversas cuestións problemáticas que relacionan o uso da lingua propia coa vida social, aínda que como advirten, "a exclusión e as limitacións para o galego son tantas que non temos espazo para entrar en todas elas".

A seguir, Bernardo Valdês Paços (profesor do departamento de Economía Aplicada da USC) e Verónica Torrijos (vicepresidenta de Adega) participaron nunha palestra que -moderada por María Obelleiro, directora de Nós Diario- afondou nas consecuencias do colonialismo e dos monopolios capitalistas para Galiza.

"Existe esa imaxe de que Galiza é unha colonia na que empresas exteriores, como Iberdrola, se dedican a explotar os nosos recursos naturais para crear riqueza fóra", explicaba Obelleiro, que tamén advertía que o perigo que corre o país pola ameaza da instalación da macrocelulosa de Altri é tan perentorio que "incluso xente de fora está alertando  sobre a situación". 

Cantos de Dor e Liberdade. Voces Galegas por Palestina foi o título que deu pé a unha lectura de poemas a cargo de Iolanda Aldrei, Marica Campo, Xulio Cid, Marta Dacosta, Luz Darriba, María Landesa, Igor Lugrís e Cesáreo Sánchez. AGA Jenin e a Asociación Galiza por Palestina son os responsábeis deste volume colectivo que quere denunciar os crimes do estado sionista e a reclamación dun alto o fogo inmediato e recadar fondos para UNRWA , a axencia das Nacións Unidas para poboación refuxiada de Palestina.

Ana Miranda (eurodeputada do BNG), Pierre Imbert (da Unión Democrática Bretoa) e Miguel Urban (autor de Trumpismos. Unha radiografía da extrema dereita foron os protagonistas da palestra que tratou de pescudar chaves contra o avance da extrema dereita en Europa. E, a continuación, Francisco Rodríguez (presidente da Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas) e Lois Diéguez (portavoz nacional da AN-PG de 1977 a 1982) presentaron o último número da revista Terra e tempo, dedicada a repasar a historia e o papel da Asemblea Nacional - Popular Galega (AN-PG).

O nacionalismo galego na década dos 70, editado pola Fundación Moncho Reboiras, foi o estudo presentado por  Xesús Seixo (presidente da Fundación Moncho Reboiras) e Pilar Allegue e Bernaldo F. Requeixo (coautores do libro). E para rematar, Roberto Samartim e Margarita Ledo lembraron a Revolução dos Cravos a través do libro que asinan en conxunto, 50 anos de Abril na Galiza (Através).   

Ademais, a música estivo a cargo de Donicelas, Lucía Aldao e unha sesión de DJ Misa a partir das 21.20 horas que lle puxo o ramo ao festival.

Sempre coa Galiza

Carolina, Andrea e Alberte

A abafante calor da tarde non impediu a multitudinaria asistencia ao Festigal. Multitude de persoas visitaron o Campus Vida de Compostela para ser partícipes dos diferentes actos e actividades convocadas para a xornada de hoxe. Moitas, como Carolina, Andrea e Alberte veñen a esta xuntanza todos os anos sen falta.

Noelia, Andreia, Sara e Samuel

Noelia, Andreia, Sara e Samuel, a quen une unha grande amizade, proveñen de diferentes puntos da Galiza, como Xinzo (A Limia), Abegondo (comarca da Coruña) ou Betanzos (As Mariñas), e inclusive de Portugal. Algunhas delas nunca fallan ao festival, mais para outros era a primeira vez.

Adrián, Alberto, Alexandre e Iago

Adrián, Alberto, Alexandre e Iago son a proba viva de que as amizades e Galiza non coñecen fronteiras. Son natais de diferentes puntos do país, pero iso non lles impide reunirse polo menos un vez ao ano co son da música do Festigal.

Breixo, Carla, Diego e Tirso

Breixo, Carla, Diego e Tirso tamén aproveitan cada edición do festival para xuntarse.

Lucía e Adriana

Lucía non se perde esta xuntanza nunca, mais nesta ocasión veu desde Vigo con Adriana, que nunca asistira.

Marcos, Beatriz, Bertín e Bieito

Beatriz é picheleira, pero nunca tivera a oportunidade de bailar co Festigal. Non é o caso de Marcos e Bertín, que xa acudiran con anterioridade. Quixeron aproveitar esta edición para que o pequeno Bieito conectara coa Galiza.

Aloia, Lía e Silvia

Así, sendo cativas, foi como encetaron no Festigal Aloia, Lía e Silvia, que aínda que ao principio era cos seus pais, agora xa asisten pola súa conta.

Martinho e Manuela

Martinho e Manuela tamén comezaron esta tradición hai moitos anos e aínda non se perderon ningunha edición. 

Raquel, Olalla, José Luis e Benigno

Raquel, Olalla, José Luis e Benigno conduciron desde diferentes puntos da Galiza, e non lles importa, farían o que sexa por asistir a esta cita á que tanto cariño lle teñen.

Gonzalo, Elena, Andrea e Damián

Gonzalo, Elena, Andrea e Damián tampouco quixeron perderse o excelente cartaz do Festigal. 

Mariña e Luz

Mariña e Luz son nai e filla e levan desde sempre asistindo xuntas.

Fran e Sandra

Desde Marín chegan Fran e Sandra que non lles importa a distancia para gozar do Festigal.

Paulo, Carola, Naia, Iria, Dani, Emily, Nuno e Eume,

Paulo, Carola, Dani e Emily son amigos desde hai anos e aproveitaron esta edición para xuntarse e pórse ao día, xa que vivir en Vigo e Bilbo, respectivamente, non lles permite verse adoito. Así, seus fillos e fillas, Naia, Iria, Nuno e Eume tamén poderían desfrutar do Festigal que tanto lles gusta.

Carlos, Dores, Mario e Ana

Carlos, Dores, Mario e Ana teñen o padrón na Coruña e non hai edición que se perdan.

María, Xabier, Rosa, Pepa e Antón

Pasa o mesmo con María, Xabier, Rosa, Pepa e Antón que veñen todos os anos desde diferentes vilas da Galiza.

Odilo Carneiro, Santiago Vigo e Arancha Nogueira

Odilo Carneiro, Santiago Vigo e a escritora e colaboradora de Nós Diario, Arancha Nogueira, desfrutan todos os anos do Festigal, que os permite gozar da súa cidade adoptiva.