'Sermos' conmemora o Día da Galiza Mártir con esta edición especial

Parte da capa do nº619 do Sermos Galiza, obra de Rebeca Lar.

O sábado é 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, data reivindicativa que lembra Alexandre Bóveda, fusilado na Caeira (Poio) nese día de 1936. Con motivo desta xornada clave no calendario, o semanario Sermos Galiza publica unha edición especial.

O número 619 de Sermos Galiza, con imaxe na capa creación da artista e doutora en Belas Artes Rebeca Lar, publicarase este sábado cunha edición especial con motivo do Día da Galiza Mártir, data que se celebra nesa xornada e que lembra Alexandre Bóveda e todas as persoas represaliadas polo fascismo.

O número especial comprende dúas reportaxes e unha entrevista da directora de Nós Diario María Obelleiro con Amalia Bóveda, a filla do insigne nacionalista asasinado na Caeira (Poio) o 17 de agosto de 1936.

O tributo a esta data, Día da Galiza Mártir, fica plasmado na propia capa deste número do Sermos Galiza. Unha creación de Rebeca Lar, Memoria, realizada a partir dun calco no monumento que hai na praia das Fontes —tamén coñecida como dos Olmos—, en Vigo, e que recolle os nomes das persoas asasinadas nese lugar na sublevación fascista.

Simboloxía

A simboloxía da vitimidade é a primeira das reportaxes deste número do Sermos. Un traballo de Xoán Carlos Garrido Couceiro, membro da Iniciativa Galega pola Memoria e profesor de Filosofía, no que percorre e explica diversos lugares da memoria existentes na Galiza. "Espazos que achegan verdade", en palabras de Ignacio Ellacuría, teólogo vasco asasinado no Salvador por militares.

"Desde moi axiña, logo do terror, houbo necesidade de fixar de xeito perdurábel a lembranza dos que foron masacrados polo fascismo", explica Garrido. E neste cometido "foi o galeguismo quen historicamente tivo unha das posicións máis activas no proceso de fixación de efemérides e homenaxes aos inmolados polo fascismo".

A reportaxe percorre a Galiza e explica os diferentes memoriais, ao tempo que incide na importancia do movemento cidadán pola memoria, e alerta ante os episodios de vandalización dos mesmos pola ultra dereita españolista mais tamén do risco de "baleirar" de contido estas lembranzas por parte de institucións como a Xunta da Galiza.

Amalia Bóveda

"España non fai caso, estamos pedindo que se anule o xuízo a meu pai, pedímolo na Arxentina", sinala Amalia Bóveda, quen censura que "é moi duro que na partida de defunción digan 'pasado por las armas', moi duro".

Amalia Bóveda lembra, na conversa que se publica neste Sermos, como soubo que representaba o seu pai para a Galiza, "foi moi tarde, eu ía coa miña nai pórlle flores á tumba todos os 17 de agosto". "Tiña 8 ou 9 anos. Quixeran borrarlle da sepultura o X de Alexandro e engadirlle un J. Pregunteille á miña nai: 'Por que lle queren pór Alejandro se era Alexandro?' E contestárame: 'O teu pai era galeguista acérrimo, unha persoa que para el o galego era o máis importante, e Galiza'. Os meus irmáns xa o sabían, eu non", prosegue.

Álbums de guerra

Carlos L. Bernárdez, ensaísta e historiador da arte, escolle 10 estampas dos coñecidos como Álbums de Guerra de CastelaoGaliza Mártir, Atila en Galicia e Milicianos, 1937-1928— a través das que o rianxeiro plasma, con diferentes técnicas e perspectivas, o "horror fascista" na Galiza.

Estampas que Bernárdez sitúa no seu contexto artístico e histórico para enxalzar unhas imaxes que percorreron diferentes países —da Unión Soviética a Estados Unidos— como mostra da barbarie do franquismo.

O Sermos Galiza deste sábado, 17 de agosto, que acompaña o xornal Nós Diario —64 páxinas por só 3,20 euros—, completa esta edición especial sobre a memoria con varias das súas seccións habituais, como a de libros ou música e pasatempos relacionados co propio Bóveda e o Día da Galiza Mártir, entre outras.