A Sinfónica de Vigo leva a música clásica ás prazas

A Orquestra Vigo 430. Foto: cedida.

Extraer a música clásica e académica dos palacios da ópera e transportala ás rúas, é dicir, achegala á xente, é obxectivo confeso da Orquestra Vigo 430. Para cumprilo, esta quinta feira, 14 de decembro destinará seis dos seus intérpretes a mercados, prazas e outros “puntos concurridos” da cidade. “Queremos eliminar as barreiras e prexuízos que moitas veces temos en relación á música clásica”, afirman.
 

Frauta, fagot, viola, dous violíns e un contrabaixo formarán o sexteto que tocará “unha escolma de panxoliñas de autores clásicos”. O percorrido iniciarase ás doce da mañá no Mercado do Progreso, continuará na rúa Príncipe -perante o Marco-, seguirá polo casco vello e rematará na zona da Laxe. Amais da aposta pola popularización das músicas sinfónicas, a orquestra tamén pretende, con esta actividade, que “os vigueses e viguesas coñezan o gran proxecto da orquestra sinfónica da súa cidade”.

 

O 22 de decembro será tamén unha data acaída para facelo. A Orquestra Sinfónica Vigo 430 xuntará “máis de 150 músicos e músicas” -orquestra, coro e solistas-, dirixidos por Vicent Alberola, no auditorio Mar de Vigo para ofrecer unha versión da icónica, célebre Sinfonía nº9 op.125 de Ludwig Van Beethoven. “Trátase dunha das obras máis transcendentais e populares da historia da música e da arte en xeral”, explican. É a sinfonía que pecha a Oda á alegría, musicalización dun poema de Friedrich Schiller e “símbolo da liberdade e a irmandade”.

 

As entradas para o concerto do 22 de decembro están á venda na páxina web de Ticketea e mais na tenda Discos Elepé.

 

O “proxecto Vigo 430” naceu “de xeito independente” en 2005. Comezou coa creación dun núcleo de orquestra de corda e cinco anos logo, en 2010, “e co decisivo apoio do Concello de Vigo, converteuse en orquestra sinfónica.