Tanxugueiras, Rayden, The Rapants e Hernand coroan a edición máis masiva do festival SonRías Baixas

Tanxugueiras na súa actuación no SonRías Baixas deste sábado 3 de agosto (Foto: SonRías Baixas)

Dous escenarios para facer brillar o talento galego e internacional: a XXI edición do festival SonRías Baixas congregou en Bueu (O Morrazo) milleiros de persoas de todas as idades para gozar durante tres días ao son de 25 artistas de primeiro nivel.

"Terra", o tema insignia de Tanxugueiras que segue a dar a volta ao mundo, foi un dos momentos máis álxidos da XXI edición do SonRías Baixas que este sábado volveu congregar milleiros de festivaleiros e festivaleiras en Bueu (O Morrazo). SonRías brillou combinando artistas consagradas e emerxentes do panorama galego e internacional nunha contorna de natureza e mar, salientando a capacidade deste consolidado evento de xuntar público de diversas idades, mocidade, maiores e cativada, festexando o verán das rías.

As irmás Olalla e Sabela Maneiro e Aida Tarrío, Tanxugueiras, fixeron bailar todo o festival agradecendo unha cita, a de Bueu, que as acompaña desde lonxe, ao pouco de faceren dez anos como grupo, recollendo, conservando, divulgando e innovando con sons de vangarda a música tradicional da Galiza e levándoa por todo o mundo. Emocionadas coa entrega do público, e antes de que chegase a actuación de Rayden, levaron este rapeiro madrileño ao escenario para cantaren xuntos "O Averno". Rayden, que anunciou que a do sábado era a súa última actuación na Galiza, pois retírase dos escenarios para centrarse na escritura, repasou nun coreado concerto os seus grandes clásicos e presentou “La Victoria Imposible”, o seu sétimo álbum en solitario.

A variedade e calidade musical foi bandeira do sábado, dando comezo a tarde con Mondra e a folía libertaria de Ardén, a terra creada polo artista onde todas as persoas son libres e iguais, e que fixo saltar todo o público ao ritmo do seu novo tema, "Marimondra", co que finalizou a súa actuación antes de ser levado polo público en brazos. Magüi, Sandra Raquel e Juls forman Ginebras e fixeron bailar sen parar todo o recinto, ao igual que Emlam, que veñen de presentar novo sinxelo, "Pasó de Moda”; Mr. Kilombo, os muradáns The Rapants e a dj Inés Hernand. Previamente, xa pola mañá, decorreu a tradicional sesión vermut, que este ano protagonizaron Marlena, o dúo pop de Ana Legazpi e Carolina Moyano, e Grande Amore, a proposta vangardista do mariñán Nuno Pico.

Rayden no Sonrías (Foto: SonRías)

SonRías fai de Bueu referencia do circuíto musical galego e internacional

O festival, promovido pola promotora PlayPlan Cultural, e que contou coa colaboración institucional do Concello de Bueu e o patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Xunta da Galiza, puxo así o sábado o ramo a tres días de festa.

O día primeiro foi o máis multitudinario da historia do festival. Da Mariña ao Baixo Miño e de Ferrolterra a Valdeorras, de todas as comarcas festivaleiros e festivaleiras chegaron na quinta feira a Bueu para festexar a inauguración da XXI edición do festival. Morochos abriu a gran cita musical do sur. Seguiunos La Oreja de Van Gogh e a cantora de Ourol Sabela Ramil, que presentou a súa proposta electro pop a través das cancións do seu novo disco. A festa seguiu con Sexy Zebras, Álvaro de Luna, La La Love You e Anabel Lee.

O segundo día do festival recibiu pola porta grande Rozalén, na súa primeira visita a Bueu e na que presentou sobre o escenario do SonRías temas dos seus cinco discos de estudio, así como unha mostra das novas cancións do seu novo álbum, El abrazo. Desde Holanda aterraron Chef’Special coa súa mestura de rock, hip-hop e reggae para facer do seu concerto unha festa, e Travis Birds debullou o seu último álbum “Perro Deseo”, onde presenta o seu universo único a través de todas as pulsións, sentimentos, aspiracións e ilusións que conforman a súa identidade e imaxinario.

Fillas de Cassandra e o seu hipnótico show Últimas Dionisíacas foi unha das actuacións máis agardades, e Muerdo puxo os ritmos latinos e de raíz unidos ao urbano actual.

Fillas de Cassandra no SonRías (Foto: Nós Diario)

Gilipojazz deleitou coa súa mix de estilos como o funk, o rock progresivo, o metal e a música clásica. Impresionante a forza dos cataláns La Élite, as súas letras reivindicativas, os seus eloxios á Galiza e o auténtico ximnasio no que converteron o festival co público sen parar de saltar. Tampouco parou o ritmo coas Cool Nenas que puxeron o ramo ao sábado.

Así, a edición máis masiva da historia do SonRías ateigou Bueu de festivaleiras e festivaleiros en busca da música galega e internacional do momento para celebrar o verán ao tempo que poñen Bueu como referente do circuíto musical da Galiza e de Europa.