CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

The Locos: “Todos distintos, todos iguais”

The Locos

Tras unha semana escoitando discos e algunhas novidades, cada vez estou máis a prol do lanzamento de traballos discográficos en formato EP, single ou maxi, de modo que chegue un traballo bo, sen pezas de recheo que te obriguen ao desgaste da tecla de saltar ao seguinte corte. Nesa vía o novo traballo discográfico de The Locos, un EP con tres temas sen desperdicio que será a primeira entrega dunha triloxía de EP na que están a traballar. 

Se falo de The Locos, pode que a moitos non lles soe o nome desta banda de ska-punk, máis se digo que é a banda de Pipi, o showman e segundo vocalista de Ska-P, e  que ademais contou con Kosta Vázquez, dos Boikot nas guitarras, os coros e a produción, cando menos a cousa fica algo máis clara amosando o camiño do ska-punk festeiro con letras combativas.

La Realidad é o tema de apertura e o elixido como single. Composta con ritmos sincopados propios do Ska e do Reggae cun recendo moi claro tanto a Ska-P e que pretende ser un himno a que unha mañá se ergueron cansos de aturar todo e decidiron loitar contra o sistema.

María Isabela comeza co sampler da voz do famoso vídeo da vella fascista, é un tema un pouco máis guitarreiro con toques latinos nos retrousos. A letra vai na máis pura tradición antifascista falando das verdadeiras ideas dos que o estado español chaman “nostálxicos”, para agochar a realidade do que son.

Finalmente, Hueso y Piel amosa unhas guitarra máis roqueiras que o converten no tema máis potente do disco cos metais perfectamente ensamblados e no que máis se nota a man de Kosta, dándolle un son moi Boikot. A letra volve a falar da loita e o de sentimento de desacougo de aquel que ve como a sociedade non fai nada para mudar as cousas máis que alberga unha raiola de esperanza e cre que algún día todo pode cambiar.

The Locos apuntan na boa dirección con este traballo, se non perden o rumbo nas seguintes entregas, poden chegar a facer historia, cousa nada fácil.


Listaxe de Temas
1. La Realidad
2. María Isabela
3. Hueso y Piel

The Locos Nas Redes
WEB: http://www.the-locos.org/
Facebook: https://www.facebook.com/pages/The-Locos/24426698422
Twitter: @thelocos