Se falo de The Locos, pode que a moitos non lles soe o nome desta banda de ska-punk, máis se digo que é a banda de Pipi, o showman e segundo vocalista de Ska-P, e que ademais contou con Kosta Vázquez, dos Boikot nas guitarras, os coros e a produción, cando menos a cousa fica algo máis clara amosando o camiño do ska-punk festeiro con letras combativas.
La Realidad é o tema de apertura e o elixido como single. Composta con ritmos sincopados propios do Ska e do Reggae cun recendo moi claro tanto a Ska-P e que pretende ser un himno a que unha mañá se ergueron cansos de aturar todo e decidiron loitar contra o sistema.
María Isabela comeza co sampler da voz do famoso vídeo da vella fascista, é un tema un pouco máis guitarreiro con toques latinos nos retrousos. A letra vai na máis pura tradición antifascista falando das verdadeiras ideas dos que o estado español chaman “nostálxicos”, para agochar a realidade do que son.
Finalmente, Hueso y Piel amosa unhas guitarra máis roqueiras que o converten no tema máis potente do disco cos metais perfectamente ensamblados e no que máis se nota a man de Kosta, dándolle un son moi Boikot. A letra volve a falar da loita e o de sentimento de desacougo de aquel que ve como a sociedade non fai nada para mudar as cousas máis que alberga unha raiola de esperanza e cre que algún día todo pode cambiar.
The Locos apuntan na boa dirección con este traballo, se non perden o rumbo nas seguintes entregas, poden chegar a facer historia, cousa nada fácil.
Listaxe de Temas
1. La Realidad
2. María Isabela
3. Hueso y Piel
The Locos Nas Redes
WEB: http://www.the-locos.org/
Facebook: https://www.facebook.com/pages/The-Locos/24426698422
Twitter: @thelocos