The Rapants serán o prato forte do Fisterra Experience

Xanma Louro, Matías Romero, Samuel González e Xaquín Martínez forman The Rapants. (Foto: Andrea Sánchez)
O novo festival xorde cunha nova liña e un novo concepto, mantendo Fisterra como sede por ser un "territorio singular, no que se teñen que celebrar eventos culturais deste tipo".

Esta fin de semana Fisterra encherase de música cunha variada programación que inclúe funk, folk, indie ou rock, con The Rapants como un dos pratos fortes. O festival Fisterra Experience vén substituír o desaparecido Fisterra Blues Experience, deixando de lado a focalización na música americana e apostando por un menú máis variado en estilos e formas, pero centrado na produción galega.

O novo festival xorde cunha nova liña e un novo concepto, mantendo Fisterra como sede por ser un "territorio singular, no que se teñen que celebrar eventos culturais deste tipo", segundo declarou, durante a presentación, a directora de comunicación do festival, Paula González.

González remarcou a intención por parte da promotora de "descentralizar a oferta cultural galega", hoxe condensada nos núcleos urbanos. Pola súa parte, a delegada da Xunta da Galiza na Coruña, Belén María do Campo Piñeiro, fixo fincapé na diversidade musical ofertada: "Desde o funk até o rock e o indie", e tamén no papel da vila fisterrá como cerne turístico da comarca e da comunidade, sendo un atractivo importante e en auxe pola afluencia que está experimentando ruta Fisterra-Muxía do Camiño de Santiago. "Animar a toda a xente a pasar estes tres días nesta zona tan importante da Galiza", rematou.

Por último, a alcaldesa Áurea Domínguez agradeceu aos patrocinadores, a Xunta e Estrella Galicia, e en especial á promotora do festival, Nordesía Producións. "É un ano complicado para este tipo de eventos", puntualizou a rexedora municipal.

O Fisterra Experience inciarase hoxe cunha sesión Eme DJ durante o solpor no Semáfaro de Fisterra.

O sábado, a programación dará comezo cunha sesión vermú a cargo de Ukestra do Medio no Hotel Bela Fisterra e a actividade Música a Bordo, que correrá a cargo do cantautor Indomable a bordo dun barco de Cruceros Fisterra. Pola noite, no Escenario Xacobeo da rúa da Foliada, a festa iniciará co concerto de Brais Morán & Nasaufunk, seguido de The Rapants e cunha sesión DJ de Peter Sélek para pechar a velada.

Para finiquitar a experiencia, o domingo, Cachas & Cousins ofrecerá unha sesión vermú no Hotel Bela Fisterra.