Entre a tradición galega e a vangarda europea o jazz chámase Baldo Martínez

Baldo Martínez dirixindo o sexteto no Auditorio Nacional de Madrid. (Foto: Elvira Megías)
Baldo Martínez vén de publicar o disco Música imaginaria, resultado  dun proxecto amparado polo Festival de Vitoria-Gasteiz, que sintetiza as máis variadas influencias, dando lugar a un traballo que engrandece aínda máis  a xa enorme figura do pioneiro do jazz galego. 
 

Unha viaxe que parte das orixes na música tradicional para desembocar na contemporaneidade máis audaz. Un encargo do Festival de Jazz de Vitoria-Gasteiz ao contrabaixista Baldo Martínez foi a sensación da edición do ano pasado: Martínez transformara o encargo nunha luminosa suite en sete movementos que aglutinaba un ronsel de estilos -desde o free jazz até o cool, pasando pola inevitábel referencia ao folclore galego- que, non obstante, mostraba unha coherencia estilística difícil de lograr nunha obra que integra rupturas rítmicas, cambios nos patróns harmónicos e partes solistas de libre improvisación. Música imaginaria aparecía como unha obra maior dentro dunha traxectoria que xa se escribía en maiúsculas desde hai anos.

Acompañado da súa colaboradora habitual, a batería galega Lucía Martínez, o portugués João Barradas ao acordeón, o trompetista granadino Julián Sánchez, o cántabro Juan Saiz na frauta e os saxos, e o ibicenco Andrés Coll no vibráfono, Martínez foi quen de crear un sexteto perfectamente engraxado para -cunha combinación instrumental realmente inusual- executar unha partitura exuberante nos seus arranxos, contundente na súa orixinalidade e sorprendente na congruencia das tendencias que se dan cita nela.

"Normalmente, sempre traballo con músicos próximos, no sentido da afinidade que podemos ter, musicalmente falando", explica Baldo Martínez en conversa con Nós Diario. "Pero neste caso partía de cero. Con dous deles traballo de maneira habitual, pero cos outros tres non tocara nunca, nin tocaran xuntos entre eles. Era arriscado, pero ese tipo de proxectos son os que lle dan máis vida á creación musical". 

Martínez conta que o proxecto foi imaxinado con dous instrumentos no centro -a marimba e  o acordeón- e que iso o foi levando á decisión de formar un sexteto. "Mais aí comezaban as dificultades, porque aquí, debido ao pouco apoio institucional, a produción ten que enfrontala o propio músico e, polo xeral, non contamos cun excedente financeiro tan grande como para abordar grandes gastos".

Afortunadamente, o Festival de Vitoria-Gasteiz foi sensíbel á proposta do compositor e por iso confesa que máis que "unha encarga foi unha carta branca do Festival. A súa política actual é a de apoiar os músicos neste tipo de desafíos e, ademais, de ser moi receptivos ás tendencias europeas actuais".

No festival, a reacción -practicamente unánime entre público e crítica- foi dun enxalzamento entusiasta da música que saía do escenario e das dotes de compositor de músico galego.

Agora, en disco

Agora, a discográfica Karonte edita Música imaginaria en CD para que, parafraseando ao propio compositor, sexamos quen de comprobar como é "a música que imaxinou".

"O certo é que con este proxecto tivemos moita sorte, porque antes de estrealo en Vitoria xa tiñamos fechados catro concertos [un deles no Festival de Jazz de Lugo, que non quixo quedar á marxe desta obra] e iso nos permitiu rodalo e, inmediatamente despois, entrar no estudio a gravalo. E iso tamén é un pouco unha necesidade que teño eu: preciso gravar os proxectos para dalos por rematados, para poder pasar mentalmente a outra cousa", afirma o baixista.

O disco reflicte, con pequenos cambios, o que se pode escoitar no directo: unha suite rebordante de ideas musicais que sintetiza moitas das ideas musicais de Martínez. "Si, é curioso, porque a pesar de que os materiais sonmoi heteroxéneos hai unha sensación de unidade que non sei moi ben a que atibuír, non teño claro por que funciona. Hai algunha das pezas que levaba dez anos gardada nun caixón e, porén, integrouse moi ben no conxunto. Se cadra, é pola forma de aproximarse á composición de maneira atonal, ou simplemente por esas cousas do yin e o yan: ten que existir algo para que o contrario atope o seu sitio. Non o sei. O que si teño gravado na mente é o compromiso e a enerxía coa que sairon todos os músicos a noite da estrea, cun afán indescritíbel de conseguir que aquilo saíse ben. Talvez esa sexa a clave".

Orfandade institucional

O de Baldo Martínez é un dos proxectos que está contribuíndo a que o jazz galego sexa o centro de atención do sector. O músico, que vive agora nas aforas de Madrid, certifica que o que se escoita habitualmente nos círculos jazzísticos da cidade é un case incrédulo "Que está pasando na Galiza?".

"Agora mesmo, en todo o Estado, hai un nivel técnico moi solvente, moi potente. Pero o que xa non é tan habitual é que xurdan proxectos con personalidade. E afortunadamente, na Galiza estamos sobrados de proxectos dun nivel altísimo que, ademais, teñen unha identidade inconfundíbel. Sumrrá, por exemplo, que acaban de deixar abraiado ao público de Vitoria no festival deste ano, cun concerto xunto a El Niño de Elche, é só un exemplo". 

E non obstante, eses proxectos non acaban de ter un paraugas institucional que os acubille, que lles permita medrar. "As axudas institucionais son poucas e precarias. Parece que as administracións están esperando que os creadores vaiamos pedir á súa porta, cando o que tería que suceder é que existise unha política cultural que se adiantase ás necesidades do sector e propiciar o seu desenvolvemento. Por outro lado, o jazz non entra no mercado da mesma forma que outras músicas comerciais que son ubicuas e, polo tanto, as institucións deberían tomar en serio a tarefa de facilitarlle á cidadanía o acceso ao enorme abano de posibilidades que existe á hora de desfrutar da música, ou da creación cultural en xeral".

Un exemplo do desleixo co que as administracións tratan a cultura constituíno a desaparición do festival Imaxinasons de Vigo, creado e dirixido durante anos por Martínez. "Eu estou moi involucrado, pero trato de eludir esa implicación, de distanciarme e velo con obxectividade, e penso que foi unha absoluta irresponsabilidade. O festival nace en 2005, e en 2007 a revista decana das publicacións de jazz europeas, a francesa Jazz Magazine, xa o trata como unha referencia no continente. Un festival atento ás novas correntes europeas e a novos proxectos galegos e da península, ao que consideran unha referencia... e a resposta é fechalo? Resulta absolutamente incomprensíbel".

Fusión de tradicións culturais

Baldo Martínez, sempre estivo moi atento as tendencias que viñan de Europa, e ao tempo, sempre ligou a música tradicional galega ao discurso jazzístico. "Pero é que iso sempre existiu", retruca. "O jazz nace en Nova Orleans froito do encontro entre músicas africanas e as de tradición europea -francesas, inglesas, irlandesas...- que existían alí na altura. Seguiu sendo fusión de diferentes tradicións -pensa na bossa nova que xorde en Brasil- e seguirá séndoo. É a súa esencia".