A Coruña acollerá o 'Santa Liberdade: un soño compartido' de Uxía

Uxía Senlle (Foto: Xan Carballa).
A cantante de Mos lembrará a Revolución dos cravos.

Uxía Senlle actuará este domingo na Coruña (Teatro Colón, 20 horas) dentro do ciclo Coa nosa voz que organiza a Deputación. Será un concerto especial no que achegará un tema inédito dedicado a José Afonso e a súa relación coa terra galega, así como o poema que conta a historia do transatlántico Santa Liberdade, a aventura romántica que unión a galegos e portugueses para denunciar as ditaduras de Franco e Salazar.

O repertorio, co nome de Santa Liberdade: un soño compartido, promete estar cheo de sabores e cores, luminoso e mestizo, froito dos seus case 40 anos de carreira nos que renovou a música tradicional conectando coas culturas atlánticas.

Ademais dos seus últimos traballos, tamén se achegará á música tradicional da Galiza e Portugal e a unha nova lectura da rica obra de Zeca Afonso, un exemplo e un modelo de como combinar as raíces e unha linguaxe propia, o compromiso e a beleza, o lirismo e a realidade. 

Alén diso, a cantante de Mos (comarca de Vigo) quere conmemorar co público asistente os 50 anos da Revolución dos Cravos polo que recuperará as cancións máis representativas das autoras e autores que foron a banda sonora orixina naquel  momento. Tamén achegará temas propios sobre poemas de Sophia de Mello Bryner, Luisa Villalta, Manuel María, Uxío Novoneyra e Rosalía de Castro.

A banda de Uxía

Para a ocasión, a cantante galega contará coa participación do seu inseparábel Sérgio Tannus que, ademais de tocar a guitarra e a viola caipira, levará a dirección musical do espectáculo. Uxía estará acompañada, ademais pola súa banda habitual: Santi Cribeiro (acordeón), Bleuenn Lefriec (arpa clásica), Isaac Palacín (percusión), Quim Farinha (violín) e José Manuel Díaz (contrabaixo).