Uxío Novo presidirá a asociación ibérica de museos e fundacións de escritores

Uxío Novo, no centro, na asemblea da ACAMFE en Madrid. (Foto: ACAMFE)

A entidade que cumpre 30 anos desenvolveu a súa asemblea en Madrid.

A Asociación Ibérica de Museos e Fundacións de Escritores (Acamfe), que agrupa a 43 casas museo e fundacións do espazo peninsular desenvolveu o seu trinta aniversario e renovou a súa xunta directiva con motivo do seu encontro anual.

O encontro incluíu unha asemblea na Residencia de Estudantes de Madrid na que se elixiu unha nova xunta directiva da entidade presidida por Uxío Novo, secretario da Fundación Uxío Novoneyra, quen asume a presidencia en substitución de Victoria Galán, directora de Casa Museo Benito Pérez Galdós.

Na directiva, permanece como vicepresidente Antonio Piñeiro, en representación da Fundación Curros Enríquez de Celanova

A nova xunta directiva de Acamfe marcou como principais retos para a nova etapa o impulso a proxectos como a creación dunha rede europea de museos de personaxes ilustres e a celebración do Día das Linguas Ibéricas.

O colectivo aposta polo desenvolvemento de iniciativas formativas, de transformación dixital, internacionalización e sustentabilidade, aliñadas cos avances e retos no ámbito da actual xestión do patrimonio literario.