MÁIS

O verdadeiro folk peregrino

A noite rematará da man de Dios ke te Crew. (Foto: Luneda Producións)
Queimar o escenario co mellor son do país

Se ben en moitos relatos Fisterra (comarca homónima) é a fin do mundo -e do Camiño de Santiago- , o son non morre nas súas costas. Nel ten lugar cada ano o festival Folk Fin do Camiño, unha cita que este ano acaece o día 24 de agosto para reunir no lugar da Anchoa (parroquia de Duio) un cartel musical do máis relevante e local.

Nado no ano 1999 como reivindicación da fin da ruta xacobea, mestura co seu folk, tradición e modernidade. Á vez que aposta por propostas musicais emerxentes e consolidadas tamén recolle os costumes e os modos de celebrar de sempre, sen perder nin a queimada nin as sesións vermú ou concertos de mediodía. Así, a xeira deste 2024 comezará, como xa é habitual, ás 13 horas da man da agrupación tradicional de Pedras Miúdas de Lires (Cee). Tras isto, a música fará un pequeno alto para o xantar e abrir os xogos destinados ás crianzas cara ás 18 horas, entre os que destacan unha divertida e refrescante festa da escuma.

O programa en si mesmo terá a súa marca de saída xa ás 21 horas coas actuacións de Carapaus e un dos grupos revelación galegos, Alana, que principiarán o camiño cara á fin do día e a chegada da noite fechada. Nese momento, collerán o micrófono verdadeiras bestas musicais como a artista de Vilagarcía Catuxa Salom, que foi Premio Martín Códax 2024 na categoría Músicas do Mundo e Mestizaxe pola súa mestura de raíces arxentinas e galegas.

Tampouco queda atrás o grupo Lontreira que, aínda que se atopa no seu despunte, está a definir a escena nos últimos tempos. Mais se as fins son importantes, a do festival é clave, co grupo rap formado en 2003 Dios ke te Crew, que selará con potencia a madrugada fisterrá e que reiniciará o ciclo até o próximo ano