Xa á venda 'A Formiga no Carreiro', a revista de pasatempos en galego

Detalle da nova capa da Formiga no Carreiro (Foto: Nós Diario).
Este sábado, 15 de xuño, sae á rúa a cuarta entrega da única revista de pasatempos en lingua galega, editada por 'Sermos Galiza' S.A..

A Formiga no Carreiro está de volta nos quiosques. Este sábado sae á venda o número 4 dunha revista que pretende axudar a afortalar as capacidades cerebrais básicas, isto é: atención, cálculo, lóxica, linguaxe, orientación e memoria.

O proxecto botou a andar en agosto de 2023 cunha grande acollida por parte do público lector de Nós Diario en cada unha das entregas.

Trátase dunha publicación excepcional dentro do noso panorama editorial. Ao longo de 48 páxinas, A Formiga no Carreiro presenta unha gran colección de pasatempos e lecer que combina os xogos de palabras cos numéricos, enredos de atención e de lóxica, e todo centrado na contorna máis próxima tanto xeográfica como cultural e coa lingua como elemento cohesionador.

Entretemento en galego

Esta nova entrega, "para cerebros que aformigan", como indica o subtítulo da publicación, porfía na normalización do galego nun espazo no que non adoita estar presente e normaliza nese mesmo espazo, o das revistas de pasatempos, a nosa cultura.

O tema deste número é o das viaxes e ferias de verán, comezando cun zume de froita do tempo antes de entrar no labirinto do Pazo de Tor ou facer, a formiga, un percorrido por cidades e vilas de Portugal, viaxar ao Brasil ou facer paseos a cabalo.

A cuarta entrega d'A Formiga no Carreiro achega 81 unidades de pasatempo que van desde os labirintos aos encrucillados e outros crebacabezas lóxicos –aqueles que poden ser resoltos por calquera, sen ningún coñecemento previo, só empregando a lóxica na súa resolución–.

Xogos clásicos e de estrea

O público descubrirá neste número 4 da revista unha novidade: 'Sementaletras', un novo pasatempo que consiste en, dada unha serie de letras, combinalas adecuadamente para obter distintas palabras válidas sen deixar fóra ningunha letra.

Mais non faltarán xogos habituais, coma os sudokus, e entretemento para todo tipo de públicos, xa que a aprendizaxe forma parte forma parte do propia proposta dos pasatempos.

A Formiga no Carreiro entrégase este 15 de xuño de balde ás persoas subscritoras de Nós Diario e estará á venda durante as próximas semanas nos quiosques e lugares habituais de distribución a un prezo de 1,80 euros.