Xeración Alfa

Rafael Ruíz-Matas e Ana Loureiro, coordinadoras: "Xeración Alfa céntrase no que lle interesa á mocidade"

Rafael Ruíz-Matas e Ana Loureiro. (Foto: Valeria Salazar)
Hoxe 'Nós Diario' achega o segundo número de 'Xeración Alfa', a revista da mocidade galega. Ana Loureiro e Rafael Ruíz-Matas, coordinadores da publicación, explican a importancia desta revista en papel, en galego e dirixida á xente nova, así como as expectativas e os contidos que sairán nas seguintes entregas en maio.

—Cal é o principal valor de Xeración Alfa?
Ana Loureiro: Xeración Alfa é unha revista en papel e en galego para a mocidade, que se centra nas cuestións que lle interesan e que entende a cultura desde disciplinas diversas.

Rafa Ruíz-Matas: É un escaparate para todas as persoas novas que teñen propostas e proxectos de valor en ámbitos diversos como a cultura, a moda ou o deporte. É importante dialogar coa mocidade a través dos seus propios intereses e inquedanzas.

—Como foi a acollida do primeiro número?
A.L.: A acollida está sendo moi positiva. Nós tivemos a sorte de poder ver as primeiras reaccións ao proxecto a través de todas as persoas que se prestaron a colaborar. Foi moi enriquecedor poder traballar sendo conscientes do presente que todo o mundo ten a necesidade de que existira un proxecto como este en galego.
R.R.: Desde que comezamos sentimos un grande impulso por parte da mocidade. O certo é que hai moitas ganas de coñecer o que está facendo a xente nova e de apoiar o talento e a potencia creadora que hai por todo o longo e largo do país. Foi unha gran satisfacción ver o alto grao de implicación que mostraron as fontes desde o primeiro minuto.

—Como foi o proceso de selección de fontes e temas?
A.L.: Foi un proceso máis complicado do que parece. Máis que nada pola dificultade de facer a criba entre a infinidade de persoas novas que se atopan creando cultura no país.

R.R.: Intentamos que houbese un pouco de todo. Un dos aspectos máis importantes que tivemos en conta á hora de organizar os contidos foi que en cada número houbese unha ampla variedade de temas que satisfixesen os intereses de todos os públicos.

—Onde consideran que reside a importancia desta iniciativa?
A.L.: Destacamos o papel como un soporte que lexitima os contidos. É moi necesario que a xente nova poida ver a importancia social das súas creacións, por iso Xeración Alfa serve como plataforma para toda esa produción cultural. Ao final, os intereses da rapazada merecen un espazo na conversación mediática.

R.R.: Outra cuestión é a oferta cultural, que non só é o que se inclúe nas reportaxes, senón que contidos como a axenda ou o imperdíbel buscan esa ponte para que a mocidade saiba que alternativas de ocio existen ou que produtos poden consumir.

—Iniciativas como esta contribúen a reforzar as redes culturais do país?
R.R.: Si. Nunha das entrevistas unha fonte comentou a importancia de estabelecer contactos e de tecer redes entre persoas creadoras, porque a colaboración de todos estes axentes redunda no beneficio de toda a sociedade.

A.L.: Esas redes xa existen. Podgalego, por exemplo, ten un grupo de Telegram para compartir recursos. Difundir ese labor axuda a que persoas que igual non coñecían esas ferramentas ou grupos se poidan beneficiar.

—Nos números que seguen, que contidos poden resultar máis sorprendentes para a rapazada?
R.R.: Unhas das cousas máis interesantes é que dentro da amplitude cultural quedan moitas cuestións por tratar nos seguintes números. Iso é moi positivo porque a cada persoa pode sorprenderlle algo diferente.

A.L.: Se che gustan os videoxogos, no último número fálase sobre todo o que implica crear un, mais se che interesa a música quedan entrevistas a grupos como Tanxugueiras, Luísa Villalta é protagonista nunha entrevista con María Canosa e incluso se inclúe unha receita vegana. Hai contidos para todos os gustos.

Vangarda creativa en todos os campos

Os seguintes números de Xeración Alfa, que chegarán o 21 e 28 de maio, permitirán coñecer de primeira man as novas promesas do panorama teatral, literario e audiovisual da Galiza e analizarán campos de ocio e creación que actualmente están en auxe como a banda deseñada, os videoxogos ou os podcats. No imperdíbel, a creadora de contido Sara Seco ofrecerá ao público algunhas das súas lecturas favoritas e as cancións que non poden parar de escoitar.

Ademais, as lectoras e os lectores poderán coñecer máis sobre veganismo, saber cal foi o primeiro restaurante vegano na capital da Galiza e mesmo probar unha deliciosa receita de hummus. A revista xuvenil achega entrevistas a algunhas das figuras máis importantes da música como Aida Tarrío, Olalla e Sabela Maneiro (Tanxugueiras) e co toque de humor que sempre achega o creador de contido Gabi García.