O XII Festival Groba rende homenaxe ao mestre de Ponteareas

Roxelio Groba.
O público terá a ocasión de escoitar, por primeira vez no festival, a Orquestra Sinfónica da Galiza, que realizará o concerto de clausura.

Do 18 ao 24 de agosto o Concello de Ponteareas (O Condado) volverá ser o escenario do Festival Groba, unha cita que recolle o ánimo do mestre Groba de achegar a música culta á cidadanía. Fiel á súa filosofía artística, o Festival Groba prima a música de cámara nos seus diversos formatos, pon en valor a creación compositiva de Rogelio Groba e ofrece os concertos de balde para facilitar o acceso a toda a poboación.

Para isto, o programa recolle  un variado elenco de artistas nacionais e internacionais, ademais da presenza da Orquestra de Cámara Galega como orquestra en residencia. Por outro lado, o público terá a ocasión de escoitar, por primeira vez no festival, a Orquestra Sinfónica da Galiza, que realizará o concerto de clausura, dirixida polo Mestre Pérez-Sierra, nun programa con obras de Groba e as célebres Variacións Rococó de Tchaikovski, que interpretará xunto o virtuoso chelista Santiago Cañón-Valencia. Sen dúbida este concerto que clausurará o Festival Groba, será unha homenaxe a un dos fundadores da Orquestra Sinfónica da Galiza e compositor asociado nos primeiros anos de vida.

Elisa D'Auria

A actuación inaugural terá lugar o domingo 18 ás 21 horas. A Orquestra de Cámara Galega, baixo a dirección de Rogelio Groba Otero, interpretará dúas obras compostas para piano e cordas, coa destacada pianista italiana Elisa D’Auria como solista. Recoñecida internacionalmente pola súa defensa do repertorio de Groba, D’Auria regresa ao festival para ofrecer a súa interpretación única de dúas pezas do compositor: Soatiña e o Concerto en Arcos.

Completan o programa a Sinfonía nº 10 de F. Mendelssohn e a Sonata para cordas de Carlos Gomes, un dos compositores máis relevantes do Brasil e o primeiro compositor suramericano que logrou que a súa obra fose recoñecida en Europa.