O xornalismo valente de Lydia Cacho centra o 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
Neste novo número do semanario analízase tamén a Feira do Viño de Vilachá e o benestar na vivenda.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez a protagonista é a entrevista a Lydia Cacho realizada por Manuel Xestoso que trata sobre o propio xornalismo.

Xestoso salienta antes de iniciar a conversa con Cacho que “durante 35 anos, a xornalista mexicana Lydia Cacho, agora nomeada Escritora Galega Universal pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, investigou e documentou as redes de tráfico de persoas, prostitución e pederastia enfrontándose a poderosas organizacións mafiosas nas que se asociaban a corrupción do poder político, económico e xudicial.”.

Vilachá de Salvadur

Continúa este número do Sermos, cunha reportaxe a cargo de Elvira Branco que analiza a Feira do Viño de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón.

“Trátase das adegas en funcionamento máis antigas da península Ibérica e representan a orixe dunha actividade económica que revolucionou e transformou non só esta parroquia guímara, senón toda a Ribeira Sacra”, indícase na reportaxe.

Previamente, na páxina de apertura, o presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira, ofrece unha reflexión titulada ‘Subir ó Suído e ó Castro Valente.

Vivenda como pracer

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Iago Valverde e titúlase ‘Quico Jorreto. Benestar’.

Valverde explica que “A vivenda é un dereito pero tamén é un pracer. Habitar é unha necesidade ao tempo que pode ser unha experiencia gozosa. Quico Jorreto deseña casas para vivir ben. Este arquitecto está especializado en construír fogares acolledores e espazosos, ao tempo que ten investigado as posibilidades de facer vivenda accesíbel para toda a sociedade”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero analizan na sección de libros dúas obras.

No caso de Xesteira, analiza a obra Non temerás os coches amarelos de Marta Villar, un libro que segundo Xesteira, “indaga sobre o que se atopa detrás desta sociedade tan machista, e o papel que ten o xornalismo para mudala”.

No caso de Inma Otero, analiza Pensar é escuro. Poesía reunida, unha obra da autoría de Armando Requeixo e Luisa Villalta. “Razóns non faltan para honrala [a Luisa Villalta]. Ensaísta, narradora, dramaturga e poeta de calidade, moi atenta aos movementos culturais e á sociedade do seu tempo, mais cunha produción que permite lecturas atemporais, como sucede coas boas autoras.” salienta Otero.

No apartado musical, Fernando Montenegro analiza o disco Zappa 80 Mudd Club de Frank Zappa. Pola súa parte, David Regueiro escribe un artigo titulado ’25 anos de jazz en Ourense’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Fatum, unha obra de Juan Galiñanes. “Conta a historia de dúas familias en paralelo: unha en crise e con dúas crianzas, e a outra feliz pero cun fillo que precisa un transplante de corazón”, indica Castro.

Branca Novoneyra encárgase da sección ‘A palabra futura’. Nela, Novoneyra ttrata os ‘poemas míticos’ de Lady Leño de Adam Wyeth,

Pola súa parte, Anxo Fole analiza na sección de Cociña a mostra os tomates vermellos secos. No artigo, Fole ofrece dous pratos e unha sobremesa para quen quixer probar na casa.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!