Contracultura

Xosé Lois Romero, músico: "Moita xente pregúntase como é posíbel que non soubera nada de Manuela Rey"

Rafaela Sá, que forma parte do elenco da obra, e Xosé Lois Romero. (Foto: Rui Carvalho).
Xosé Lois Romero (Mera, Oleiros, 1970) é o creador da música orixinal para o espectáculo 'Manuela Rey is in da house' e que agora publica en forma de disco.

—Por que decidiu publicar as oito pezas que forman parte da banda sonora do espectáculo?
Por unha mestura de cousas. Por unha banda, a música que se fai para teatro non sempre funciona ben de maneira allea ao espectáculo porque están moi vinculadas ao que ocorre no escenario e acaban por perder entidade. Neste caso, as pezas musicais tiñan este valor por si mesmas. Por outra banda, tamén tivo moita importancia o feito de que as persoas dalgunha maneira a reclamaran. Sempre, despois de cada función, a xente preguntaba onde podía escoitala. 

Quizais podería chegar a facerse con todos os espectáculos, iso xa é unha decisión dos propios compositores das músicas. Eu, sen ir máis lonxe, teño publicada a música dalgúns espectáculos e doutros non. Creo que moitas veces está baseado nunha especie de sentir que é coherente, que esa banda sonora ten un valor discográfico e que pode ser desfrutada tamén por persoas que non viran a obra. E por suposto, pola xente que si a viu.

—Como foi o proceso de creación desta música?
Eu traballo habitualmente co Centro Dramático Galego desde hai varios anos. O seu director, Fran Núñez, propúxome facer a música para esta montaxe baseada nunha historia real. Manuela Rey foi unha rapaza nacida en Mondoñedo que rematou sendo a primeira actriz do primeiro elenco estábel do Teatro Dona María II, o teatro nacional de Portugal.

Partindo desa premisa comezamos co que adoita ser un proceso deste tipo, sen un texto previo. A obra foise construíndo en cada ensaio e, evidentemente, o mesmo coa música. A medida que se foron creando as escenas, eu ía creando a música e facendo propostas desde o punto cero do proceso creativo até o final. 

Foi moi interesante porque Fran Núñez dálle moita importancia á música porque a el tamén lle axuda moito a crear as escenas. É moi doado traballar con el porque fala con coñecemento da música, sabe transmitir moi ben. E ao mesmo tempo, os propios ensaios me inspiraban para desenvolver a música. Houbo unha sinerxía moi natural e moi interesante. 

Ademais ocorreu unha cousa imprevisíbel porque eramos dous equipos de actrices e actores, deseño de produción e demais, un galego e outro portugués. E esa diferenza podería facerse moi obvia enriba do escenario e, non obstante, o que ocorreu é que fomos quen de crear un equipo moi sólido. De feito, agora somos un gran grupo de amigos e esa química faise visíbel tamén no propio espectáculo. 

—Fala da historia de Manuela Rey. Como cre que influíu o espectáculo na visión actual que se ten da súa historia?
Evidentemente a xente que ve o espectáculo leva unha sorpresa moi grande ao descubrir esta historia, que quedou oculta na historia como tantas outras de mulleres, mais tamén é insuficiente. Manuela Rey foi coetánea doutros actores recoñecidos, mais ela quedou soterrada. 

A súa é unha historia moi curiosa. Morreu moi nova, con 23 anos, e aínda así xa era unha estrela do teatro portugués. E precisamente por este motivo moita xente se pregunta como pode ser que non soubera nada dela. 

A obra é claramente unha reivindicación da súa figura e un traballo de investigación, que se fixo en colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), mais que chegou só a aquelas persoas que viron o espectáculo ou que se preocuparon por saber de que ía este. Isto é unha inmensa minoría e queda moito por visibilizar.