A Xuntanza Internacional de Gaiteiros rende homenaxe á muller gaiteira no Castelo de Monterrei

Presentación da XXXIX Xuntanza Internacional de Gaiteiros de Monterrei, esta quinta feira. (Foto: Europa Press)
O evento, declarado de Interese Turístico e Cultural, decorrerá os días 30 e 31 deste mes de agosto na praza de Hermida de Flariz e na chaira do Castelo de Monterrei.

A Xuntanza Internacional de Gaiteiros alcanza este ano a XXXIX edición e faino rendendo homenaxe á muller gaiteira a través da figura de Áurea Rodríguez. Nada en 1897 en Cartelle (Terra de Celanova), máis concretamente na parroquia de Muntián, é considerada a raíña da gaita galega por ser pioneira entre as intérpretes deste instrumento: é a primeira muller gaiteira documentada.

O evento, declarado de Interese Turístico e Cultural, decorrerá os días 30 e 31 deste mes de agosto na praza de Hermida de Flariz e na chaira do Castelo de Monterrei (comarca de Verín) coa participación de gaiteiras internacionais procedentes de países como Suecia, Alemaña, Escocia ou Bulgaria.

A programación inclúe o 31 de agosto unha serie de conferencias a cargo de gaiteiras dos diferentes países participantes que terán lugar no Hospital dos Peregrinos, onde tamén se poderá visitar unha exposición fotográfica sobre a iconografía da gaita. E o 1 de setembro impartirase un curso de ornamentación na gaita e a percusión, que decorrerá na sede da Escola Provincial de gaitas.

Por este foro, constituído ao longo dos anos e consagrado como un importante punto a nivel universal, pasaron os máis destacados gaiteiros e gaiteiras de numerosos países de todo o mundo. Recibe este ano un total de 150 participantes.

"A filosofía é traer a Ourense desde as gaitas máis primitivas até aquelas máis cultivadas", explicou Xosé Lois Foxo, director da Escola de Gaitas da Deputación, que lembrou que esta reunión "marca o inicio e a historia" da escola de gaitas "cunha edición á que se achegan cada ano máis persoas de referencia do mundo da cornamusa".

Pola súa parte, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e responsábel de Cultura, César Fernández, tamén puxo o foco en que este foro "celebra a reunión máis importante na Galiza de persoas vinculadas ao mundo da gaita", e asegurou que para o organismo provincial supón "un orgullo" contar cunha institución como é a escola de gaitas ou a Real banda de gaitas, e "ver como os concellos da provincia apostan por esta tradición".

Fernández parabenizou o Concello de Monterrei "pola súa defensa en favor da cultura e da nosa identidade". Unha luva que recolleu o rexedor municipal, José Luis Suárez, quen subliñou que desde o ano 2007, de modo permanente, "esta xuntanza decorre na nosa fortaleza, a Acrópole máis grande da Galiza, sendo o broche de ouro á intensa actividade cultural que temos no municipio".