Galiza-Panamá

"Un equipo arbitral de luxo para un partido de luxo": estes serán os árbitros no partido da Irmandiña

O equipo arbitral do Galiza-Panamá. (Foto: RFGF)
O atacante do Arenteiro Luis Chacón súmase á convocatoria.

"Un equipo arbitral de luxo para un partido de luxo". Así presentou esta cuarta feira a Federación Galega de Fútbol os catro árbitros que mediarán no partido entre Galiza e Panamá desta sexta feira en Balaídos (20 horas). Dous dos colexiados teñen unha ampla experiencia na elite do deporte rei.

O árbitro principal será Alejandro Muñiz Ruiz (Pontevedra, 1991), un dos máis novos da Primeira División. Debutou no curso 2021-22 na máxima categoría e desde entón dirixiu máis de medio cento de partidos.

Un dos seus asistentes será o coruñés Diego Sánchez Rojo (1992), que ascendeu a Primeira na tempada 2019-20 após ser elixido mellor asistente da categoría de prata. Un premio que revalidou en 2022, desta volta na elite.

E ese mesmo ano recibiu foi premiado como o mellor asistente de Segunda o tamén coruñés Fabián Blanco Rodríguez (1988), que debutou en Primeira o curso pasado. Leva máis dunha década arbitrando no fútbol estatal, comezando na extinta Segunda B en 2012.

Por último, o cuarto árbitro será Javier Figueiredo Comesaña (Vigo, 1999), que na presente campaña, con só 24 anos, ascendeu á Primeira Federación.

Convocatoria

Esta terza feira a Federación anunciou a convocatoria do adestrador Diego Martínez para o encontro, unha listaxe de 22 na que os líderes serán as caras máis recoñecíbeis do Celta e do Deportivo, Iago Aspas e Lucas Pérez. E na tarde desta cuarta feira a RFGF engadiu un novo nome á convocatoria: Luis Rodríguez Chacón, extremo do CD Arenteiro.

Aínda hai boletos á venda para o partido

Por outra parte, a Federación Galega comunicou que aínda hai boletos dispoñíbeis para todas as persoas que desexen asistir ao vivo ao Galiza-Panamá. En concreto, confirmou que até o de agora o despacho de boletos virtual vendeu "máis de 14.000" sobre o total de, aproximadamente, 24.000 dos que dispón o Estadio de Balaídos, unha cifra que agardan que aumente nas próximas horas.