Galiza-Panamá

Iago Aspas e Lucas Pérez serán os líderes da Irmandiña no choque ante Panamá

Remataron as especulacións. Despois de moito agardar, a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) fixo pública no serán de onte a convocatoria definitiva de cara ao partido que enfrontará a Irmandiña contra Panamá no Estadio de Balaídos o próximo 31 de maio a partir das 20 horas.
A convocatoria completa de Diego Martínez para o partido entre Galiza e Panamá. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera A convocatoria completa de Diego Martínez para o partido entre Galiza e Panamá. (Infografía: Nós Diario)

O flamante seleccionador nacional, Diego Martínez, elaborou unha listaxe de 22 na que os líderes serán as caras máis recoñecíbeis do Celta e do Deportivo, Iago Aspas e Lucas Pérez. Algo máis de oito anos despois de que os astros de Moaña e Monelos xogasen xuntos por primeira e última vez, no encontro que a selección galega mantivo coa de Venezuela en 2016, volverán compartir ataque nun equipo moi condicionado polas ausencias de varios dos xogadores do país máis destacados do momento.

Deste modo, non estarán no coliseo olívico os madridistas Joselu e Lucas Vázquez, que apenas 24 horas despois do Galiza-Panamá disputarán a final da Champions League. Tampouco os celestes Hugo Álvarez e Damián Rodríguez, dúas das grandes sensacións do Celta no tramo final de tempada, que paralelamente tratarán de axudar a que o Fortuna derrote o Málaga e ascenda á Segunda División; nin algúns dos mellores futbolistas dun Dépor que, se ben 'cede' Lucas Pérez e Diego Villares, reterá homes como David Mella para o partido de volta da 'Final de Campións' da Primeira Federación. Ademais, a afección non terá a oportunidade de ver coa camisola patria nomes tan potentes como os de Angeliño, Brais Méndez, Rubén Blanco ou Gabri Veiga, o que xerou numerosas críticas nas redes sociais.

Con todo, os 22 membros definitivos da selección galega -que se concentrará a partir de mañá en Vigo- conforman, liña por liña, un bloque de garantías para colidir co combinado centroamericano, sendo os encargados de gardar a meta os porteiros Iván Villar (Celta), Fran Vieites (Betis) e Álvaro Ratón (Wisła Kraków).

Na parcela defensiva, a máis numerosa de todas, figuran Kevin Vázquez (Celta), Jonny Otto (PAOK), Germán Novoa (Arenteiro), Carlos Domínguez (Celta), Lucas Taibo (Sporting de Lisboa), Quique Fornos (Cultural Leonesa), Álvaro Carreras (Benfica), Hugo Bueno (Wolves), Miguel Loureiro (Huesca) e un Álvaro Lemos (As Palmas) que tamén pode actuar como centrocampista ou mesmo de extremo dereito.

O medio do campo é responsabilidade do racinguista Álex López, o herculino Diego Villares e Hugo Sotelo (Celta), mentres que no ataque os anteditos Iago Aspas e Lucas Pérez estarán acompañados por tres Diaños Verdes (Héber Pena, Iker Losada, Manu Justo) e Miguel Rodríguez (Celta).

Convocatoria completa

Porteiros

Iván Villar, Álvaro Ratón e Fran Vieites.

Defensas

Jonny Otto, Lucas Taibo, Álvaro Carreras, Miguel Loureiro, Germán Nóvoa, Kevin Vázquez, Quique Fornos, Carlos Domínguez e Hugo Bueno.

Centrocampistas

Diego Villares, Hugo Sotelo, Álex López e Álvaro Lemos.

Atacantes

Héber Pena, Iker Losada, Manu Justo, Miguel Rodríguez, Iago Aspas e Lucas Pérez.

Vía Galega logre que soe o himno galego ao completo

As xestións de Vía Galega, a plataforma social en defensa dos dereitos lingüísticos da Galiza, deron os seus froitos. Así, a Real Federación Galega de Fútbol comprometeuse a que se interprete unha versión íntegra do himno galego antes do comezo do encontro. Ademais, lograron que durante o intermedio a megafonía de Balaídos reproduza o himno deportivo Galiza, un pobo, unha selección, promovido en 2021 pola propia Vía Galega e no que participaron artistas como Xurxo Souto, Iria Villar, Juan Álvarez ou Eva Pérez, 'Chispiña', entre outras.

Por outra parte, Vía Galega sinalou nun comunicado que trasladou ao ente presidido por Rafael Louzán, nunha xuntanza mantida o pasado 27 de maio, as súas demandas de estabelecer "un calendario estábel de competicións amigábeis todos os anos", de "oficialidade" e da volta dunha selección galega feminina que, segundo lle explicou a RFGF, non regresou aínda "polo calendario dalgunhas xogadoras", mais volverá "antes de rematar o ano 2024".

Comentarios