París 2024

Un día na Vila Olímpica: camas 'antisexo', sostibilidade e outras curiosidades da cidade paralela de Saint-Denis

A Vila Olímpica de Saint-Denis. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
Lavandarías, cafetarías, parques, instalacións médicas e deportivas... A Vila Olímpica construída para os Xogos de París dispón de todas as comodidades e ten vida propia dentro dun departamento, o de Saint-Denis, afectado polas altas taxas de paro e pobreza. Precisamente por iso se elixiu este emprazamento para o que parece o Disneyland do deporte, que após a competición tornará nun novo e boiante barrio residencial con vivendas para unhas 6.000 persoas.

Descentralizar os Xogos Olímpicos e non concentrar todas as instalacións no mesmo corazón de París que non precisa deses grandes investimentos foi unha das grandes apostas do Goberno francés nesta nova edición do principal evento deportivo a nivel internacional que pretende marcar un antes e un despois. Aprender dos erros do pasado e evitar o dispendio de miles de millóns de euros foi un dos grandes retos de París 2024, e se ben o seu custo superará os orzamentos iniciais e ascenderá finalmente a unha contía próxima aos 9.000 millóns de euros —dos que aproximadamente a metade corren a conta das arcas públicas francesas—, é unha contía significativamente inferior á investida nos Xogos de Toquio, Rio, Londres ou Beijing e, ademais, podería recuperarse de cumprírense as previsións de ingresos.

Para iso optouse en moitos dos casos por evitar a construción de macrorrecintos que ficasen desertos unha vez rematadas as competicións e optar por construcións temporais e bancadas desmontábeis. E alén disto procurouse que o impacto dos Xogos Olímpicos non se reducise unicamente, como acontece xa co turismo nunha das cidades máis visitadas do mundo, ao corazón da capital francesa, apostando por potenciar outras zonas historicamente máis marxinadas e deprimidas pola falta de investimentos, como é o caso de Seine-Saint-Denis, onde ao monumental Stade de France se sumaron agora o Centro Acuático, o recinto de Le Bourget ou a propia Vila Olímpica, cuxo orzamento ascendeu até os 1.400 millóns.

Un home cruzando en bicicleta a ponte que separa os dous emprazamentos da Vila Olímpica. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

Até alí desprazámonos esta quinta feira para coñecer de primeira man o que será durante as próximas semanas o fogar das e dos atletas olímpicos primeiro e dos paralímpicos despois. Máis de 50 hectáreas de extensión nas que se construíron edificios con capacidade para acoller unhas 15.000 persoas —entre deportistas, persoal técnico e voluntarias—. Unha vez sorteadas as ducias de policías que se amorean tras os valos e superado o control de seguridade parecemos entrar nunha cidade de corte futurista —así a define a propia organización—, unha cidade paralela ao municipio no que se empraza.

Botando man dun símil televisivo, o recinto recorda ás vilas de Woodbury ou a Mancomunidade en The Walking Dead, lugares nos que se vive intramuros unha realidade completamente allea ao que pasa alén dos valos. Porque precisamente Saint-Denis ten unha das taxas de paro —especialmente xuvenil— e pobreza —unha de cada tres habitantes— máis elevadas de todo o país, e por iso o obxectivo é que a Vila Olímpica, unha vez reacondicionada após os Xogos, poida ofrecer vivendas para até 6.000 persoas e converterse nun boiante e revitalizado barrio residencial dotado de todos os servizos e ás portas do corazón de Francia.

A Vila Olímpica, ás dúas beiras do río Sena. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

Aposta pola sostibilidade

Un extenso carril bici percorre toda a vila, pois este é o principal medio de transporte, acompañado de varios minibuses e pequenos vehículos eléctricos. Hai semáforos en cada cruce e paso de peóns, mais están —polo de agora— apagados debido ao pouco tráfico que hai e que controla persoal da organización ataviado de azul.

Un minibús eléctrico percorrendo as rúas da Vila. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

Unha plataforma flotante de placas solares fornece parte da enerxía que se consome no recinto. E non son poucos os xardíns e zonas verdes que amenizan a paisaxe entre unha multitude de edificios na que ondean as bandeiras de todos e cada un dos Estados participantes, de Francia a Zimbabwe, pasando por Palestina ou Tonga.

Plataforma flotante de placas solares. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

As cámaras de fotos dos centos de turistas que se amorean na contorna do Arco do Triunfo ou os maletíns dos parisinos e parisinas que cada mañá collen o metro para dirixirse ao seu posto de traballo son substituídos na Vila Olímpica polos chándales dos diferentes comités olímpicos e os polos verdes co lema 'Paris 2024' do persoal voluntario.

A Vila Olímpica conta con todo tipo de servizos, desde instalacións médicas e deportivas até lavandarías ou un amplo comedor no que se serven até 60.000 comidas ao día. No Village Plaza, un dos principais lugares de encontro e de lecer para as deportistas, unha muller ameniza a estadía tocando o piano. Tamén hai un supermercado, algunha que outra tenda, postos de comida, espazos recreativos e de lecer, cafetaría, clínica de dental, centros de belleza... ou mesmo un Centro Multirrelixioso no que atletas de diferentes confesións poden profesar cadanseus cultos.

Unha pianista amenizando a tarde no Village Plaza. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

Non podemos esquecer mencionar as camas nas que repousan as e os deportistas, pois foron un dos aspectos máis comentados desde a apertura da Vila. Son de cartón, un deseño polo que xa se optara en Toquio 2020 e que levou a bautizalas como camas 'antisexo'. Porén, o motivo principal, explican desde a organización, é que así poderán reciclarse unha vez rematados os Xogos, mentres as almofadas e colchóns se doarán a diferentes asociacións. E en contra do que se poida pensar de antemán, son resistentes, e así o ratificaron nos últimos días varios atletas que as puxeron a proba e compartiron o experimento nas redes sociais.

Este peculiar barrio de Saint Denis flanqueado por todos os costados por amplos valos, policías e persoal de seguridade —mais que no interior da Vila, a diferenza do que acontece estes días en París, apenas se atopan— vén a ser algo así como o Disneyland do deporte, no que en vez de ver a Mickey Mouse podes cruzarte pola rúa con LeBron James.

E seguindo os pasos de Toquio, na Vila Olímpica de París hai tamén unha ágora que emula as da Antiga Grecia e que pretende recuperar o "espírito de fraternidade e entendemento, a paz e o diálogo" e convida as e os visitantes a contribuíren coa súa sinatura a "apoiar a Tregua Olímpica", esa que, máis unha vez, vemos como se viola mentres as atletas compiten polas medallas.

Cartaz explicativo no interior da ágora. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)